div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

'Taxi Quiz' e o dúo Todo Mal chegan ás tardes da Galega, de luns a venres

No primeiro espazo, Carla Núñez viaxa nun taxi en que os seus pasaxeiros, e concursantes improvisados, porán a proba a súa rapidez mental e coñecementos 

De seguido emitirase ‘Mira ti que ben. Imos de voda’ en que o dúo Todo Mal, Carla Núñez e Marcos López, daralle unha volta ás vodas galegas do espazo ‘Casamos!’

Durante todo maio, os dous programas entreterán as sobremesas da TVG, despois de ‘Atrápame se podes’
 

csag.gal 10/05/2026 16:00

Santiago, 10.5.2026.-   Televisión de Galicia ten novidades para ás sobremesas da primeira canle. O luns 11 de maio (16:30 h) chega ‘Taxi Quiz’, un formato de entretemento que combina concurso, emoción e espontaneidade nun escenario tan cotián como imprevisible: un taxi en movemento. Presentado por Carla Núñez, o programa transforma cada traxecto nun espontáneo estudo televisivo sobre rodas e nun reto en que o coñecemento, a rapidez mental e os nervios serán decisivos.

Ao longo de distintas rutas por Galicia, os pasaxeiros que soben ao vehículo descubrirán que a súa viaxe agocha moito máis que un simple desprazamento. Sen esperalo, converteranse en concursantes improvisados dun xogo de preguntas e respostas en que cada acerto suma, pero cada erro resta. Un concurso moi dinámico en que os viaxeiros poden pasar da euforia de acumular premio ao momento máis inesperado de ter que pagar eles mesmos a carreira. Nunca un traxecto deu tanto xogo!

Tras a estrea de ‘Taxi Quiz’ chega á grella ‘Mira ti que ben. Imos de voda’, unha proposta de entretemento fresca, divertida e chea de personalidade en que o dúo humorístico Todo Mal mergúllase nas vodas máis emocionantes, sorprendentes e inesquecibles do programa ‘Casamos!’. Con retranca, espontaneidade e unha mirada moi próxima á realidade galega, os presentadores revisitan os momentos máis memorables de cada enlace: os nervios antes do “si, quero”, as historias de amor máis singulares, as tradicións familiares, as anécdotas inesperadas e todos eses detalles que converten cada voda nunha celebración única.

A través dunha combinación dinámica de imaxes de arquivo de ‘Casamos!’ e o inconfundible estilo de Todo Mal, o programa ofrece unha viaxe entretida e chea de humor polo universo das vodas galegas. Un formato que pon en valor tanto a emoción e a autenticidade das parellas como o lado máis humano, divertido e sorprendente de cada celebración.

Carla Núñez e Marcos López, integrantes de Todo Mal, formaron o seu dúo artístico en 2022, cando decidiron levar ás redes sociais o seu humor a través dun videopodcast en galego, que axiña se converteu nun fenómeno viral. Coa retranca, a improvisación e a análise da actualidade en clave cómica, o proxecto medrou ata consolidarse como unha proposta humorística moi popular entre o público galego. Antes diso, ambos xa traballaran como guionistas no programa da TVG ‘Land Rober Tunai Show’. Na actualidade participan tamén noutros espazos dos medios públicos, como ‘A bóla extra’ e ‘Luar’.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade