'Talentos extraordinarios' busca entre os aspirantes de hoxe os últimos finalistas para a semana que vén - CSAG
'Talentos extraordinarios' busca entre os aspirantes de hoxe os últimos finalistas para a semana que vén
Un mariachi, un ventrílocuo, un gaiteiro innovador, un grupo de regueifeiras e outro de pequenos bailaríns, entre outros, participarán na última rolda clasificatoria antes da gran final

Santiago, 9.8.2026.- Este domingo, en ‘Talentos extraordinarios’ (22:00 h), chega a última rolda clasificatoria antes da final. Neste gran concurso de talentos que percorreu Galicia na busca das persoas máis sorprendentes, singulares e fascinantes do país, están a buscar finalistas para a gran final da vindeira semana.
Desta volta, chegará ao Estudio 5 da Televisión de Galicia un mariachi de verdade. Jesús Martín Calvillo é un músico e cantante mexicano que vive na Estrada e que ten toda a técnica, presencia e capacidade vocal e de baile. Interpretará unha rancheira mentres baila coa súa guitarra os bailes máis típicos dos mariachis. Alejandro, outro dos aspirantes de hoxe, é un ventrílocuo, de nome artístico Al Guanella, e vai facer unha actuación coa súa cadela/muppet Tana. Como comprobarán os espectadores, a historia deste veciño de Moraña é realmente emocionante.
De Viveiro chega Abraham, que vai facer un divertido e emocionante show co seu can Axel. Neste edición do programa tamén terá cabida a tradición oral galega. Varias rapazas regueifeiras, procedentes de diferentes lugares de Galicia, van facer unha divertida actuación. Ademais, os pequenos bailaríns da escola Balancé Danza de Bertamiráns van emocionar coa súa interpretación do musical ‘Mary Poppins’, con moitas sorpresas incluídas.
Unha das actuacións máis impactantes da noite vai ser a de Miguel, un cantante de Lugo que fará unha espectacular versión, caracterizado, do popular ‘Jesucristo Superstar’. De Ponferrada chega Dani Morán, un gaiteiro innovador, que compaxina os seus estudios de Medicina en Santiago coas súas espectaculares versións de temas de toda a vida, en principio nunca versionados en gaita. Finalmente, da Coruña é Bboy Amor, un espectacular breakdancer capaz de mesturar coreografías imposibles, ritmo, sensibilidade e acrobacias.
‘Talentos extraordinarios’ está presentado pola influencer Laura Boado e conta no xurado cos actores e personaxes televisivos Antonio Garrido, María Mera e David Perdomo.
