'Recantos. O cásting' percorre o Bierzo e Rianxo na procura das mellores voces para o certame de novos talentos de 'Luar' - CSAG
'Recantos. O cásting' percorre o Bierzo e Rianxo na procura das mellores voces para o certame de novos talentos de 'Luar'
As audicións de Ponferrada, a de máis alto nivel artístico, e Rianxo, a máis divertida, deixan momentos emocionantes, humor e interpretacións que abraian o xurado

Santiago, 24.8.2026.- Este luns chegan á TVG novas entregas de ‘Recantos. O cásting’ (22:00 horas), que achega dúas das audicións máis especiais das realizadas ata o momento. O programa viaxa ata Ponferrada e Rianxo para descubrir novas voces e historias persoais que aspiran a formar parte da próxima temporada de ‘Recantos’, o certame musical de novos talentos de ‘Luar’.
No Teatro Municipal Bergidum de Ponferrada, o nivel artístico das actuacións deixa abraiado o xurado. A emoción apodérase do escenario grazas a voces capaces de poñer a ‘pel de galiña’ e interpretacións que destacan pola súa sensibilidade e calidade. Entre elas sobresae a de Álex Alba, de tan só 23 anos, que conquista o público e os membros do xurado cunha impecable versión de ‘Santa Bárbara’, o himno mineiro. Tamén sorprende Xus, cunha actuación que provoca a admiración de Pili Pampín, ou Julio, un froiteiro de Quiroga de 49 anos que se atreve coa ópera e deixa unha das actuacións máis memorables da noite.
A audición tamén permite coñecer historias persoais tan curiosas como a de Alba e Javier, parella dentro e fóra do escenario. Mentres ela asegura que, se tivese que escoller entre o amor e ser recanteira, quedaría con ‘Recantos’, el non dubida en proclamar que o máis importante é o amor que sente por ela.
Pola súa banda, o Auditorio Municipal de Rianxo convértese no escenario dunha das entregas máis divertidas da temporada. O programa recibe aspirantes moi coñecidos para os espectadores da TVG e mesmo algunha inesperada sorpresa que deixará o xurado completamente desconcertado. Entre elas, a aparición dun antigo gañador de ‘Recantos’ facéndose pasar por un aspirante especialmente insoportable.
Xunto ao humor, tamén hai espazo para a emoción. Lorena consegue conmover profundamente o xurado, ata o punto de provocar as bágoas de Manu Turnes, mentres que Manuel Soto demostra, aos seus case 80 anos, que nunca é tarde para perseguir un soño e subir a un escenario. Tampouco faltan personaxes singulares como O Pelu, que confesa que acudira á audición pensando que se trataba dun karaoke.
Como en cada entrega, Duarte Galbán acompañará familiares e amizades entre bambolinas, compartindo os nervios, a ilusión e as reaccións dos participantes. Nesta ocasión, porén, será el quen teña que afrontar momentos especialmente intensos.
‘Recantos. O cásting’ permite descubrir, por primeira vez, o proceso de selección dos artistas que competirán na próxima temporada de ‘Recantos’. En oito audicións, o programa busca atopar os novos talentos musicais da nosa terra e territorios veciños. Os mellores aspirantes enfrontaranse nunha gran gala final que se celebrará o próximo mes de setembro e da que sairán os novos recanteiros e recanteiras.