'Expediente oculto' reconstrúe o crime da estricnina de Maceda, unha historia de inimizade e vinganza - CSAG
'Expediente oculto' reconstrúe o crime da estricnina de Maceda, unha historia de inimizade e vinganza
O espazo analiza este asasinato cometido cun cebo envelenado, e abrangue as consecuencias dos accidentes mortais nos que os responsables danse á fuga

Santiago, 28.9.2026.- ‘Expediente oculto’ (22:50 h) analiza este luns o crime da estricnina de Maceda, acontecido en novembro de 2009, na aldea de Castro de Escuadro, en Ourense. A vítima deste caso foi Felisindo González, gandeiro e pastor de 64 anos, quen atopou unha bolsa colgada na cancela dunha das súas leiras. O asasino preparara unha trampa mortal ao deixar un cebo envelenado que simulaba un tentemozo esquecido por uns cazadores. Na bolsa había unha botella de viño tinto, latas de conserva, cervexa e algunhas mandarinas. O programa reconstruirá o caso, así como o traballo policial que permitiu esclarecer a súa morte.
Outro dos temas que abordará o espazo presentado por Patricia Abet, é a problemática dos atropelos con fuga e o impacto que deixan nas familias das vítimas. Para isto, remontarase ao accidente de tráfico mortal ocorrido no Rosal en xullo de 2025, cando un motorista faleceu tras ser atropelado por un vehículo, cuxo condutor fuxiu do lugar do sinistro.
Para analizar ambos casos, ‘Expediente oculto’ contará este luns coa participación de Xosé Antonio Vázquez Taín, Elena Villanueva, Berta Rodríguez, José Ferreiro e Antón López como colaboradores.
