'Bailamos' desvela esta noite os semifinalistas do programa e recibe a visita da París de Noia, na busca de talento entre os concursantes - CSAG
'Bailamos' desvela esta noite os semifinalistas do programa e recibe a visita da París de Noia, na busca de talento entre os concursantes
As batallas de Noelia e Ángel e Nely e Paula decidirán quen pasa á seguinte fase, mentres que os aspirantes expulsados regresan cunha coreografía especial

Santiago, 9.5.2026.- Noite decisiva en ‘Bailamos’ (21:55 h), xa que no programa desta semana coñeceranse os seis semifinalistas desta edición. Coa recta final xa en marcha, os concursantes enfróntanse ás últimas batallas: Noelia medirá forzas con Ángel e Nely fará o propio con Paulo, en dous duelos que marcarán o futuro inmediato da competición.
A gala arrincará cun ambiente cargado de tensión tras os conflitos vividos durante a semana pasada, especialmente entre Noelia e Álex e entre Mattia e Nely. Ademais, a dinámica grupal deixará momentos incómodos, ao obrigar os concursantes non propostos a sinalar quen debería abandonar o programa, evidenciando o nivel de esixencia e competitividade ao que se enfrontan.
Un dos grandes atractivos do programa deste sábado será a visita de Cristina e Rayssa, coreógrafas e bailarinas da recoñecida orquestra París de Noia, que chegan ao programa cun obxectivo claro: atopar talento entre os concursantes. Desvelarán nesta gala a súa elección? No plano artístico, os catro concursantes xa expulsados -Paco, Tomás, Loli e Álex- regresan ao escenario cunha coreografía moi especial ao ritmo dun mix da viral orquestra Nueva Línea, nun número cargado de enerxía e complicidade.
As batallas volverán ser o gran momento da noite. Noelia chega reforzada tras a súa última vitoria, mentres que Ángel afronta o duelo cunha actitude renovada tras superar un baixón emocional. Pola súa parte, Nely e Paulo transportarán o público a unha festa inspirada en ‘O Gran Gatsby’, nunha actuación chea de estilo e conexión. Para moitos, este será un auténtico ‘Last Dance’, en que darán todo por continuar na competición.
A emoción tamén terá un papel destacado co apoio da contorna dos concursantes. Álvaro, parella de Ángel, acudirá ao estudio para animalo, mentres que a familia de Noelia seguirá moi de preto o seu camiño no programa. Mentres, outros aspirantes como Uxía vivirán unha semana clave, marcada pola auto esixencia e o traballo xunto á súa mestra Iria, que buscará sacar a súa mellor versión sobre o escenario. Ademais, novas conexións persoais entre concursantes comezan a saír á luz, máis aló da amizade.
O xurado terá unha difícil decisión nunha gala en que o nivel continúa en ascenso e onde os mestres tamén serán protagonistas polas ambiciosas coreografías presentadas. A noite culminará coa revelación dos seis semifinalistas e unha sorpresa final inesperada que non nos deixará indiferente a ninguén.