'A Orquestra Perfecta' recibe esta semana a Olympus, unha formación que compite coas grandes apostando polo talento galego - CSAG
'A Orquestra Perfecta' recibe esta semana a Olympus, unha formación que compite coas grandes apostando polo talento galego
Será unha noite de grandes voces e vellas contas pendentes, que acabará converténdose nunha batalla entre propietarios, fichaxes e estratexias, e que levará o xurado a tomar unha decisión inédita

Santiago, 12.09.2026.- A Olympus chega este sábado a ‘A Orquestra Perfecta’ (21:45 h) disposta a demostrar que é, como proclama o seu director, "a orquestra galega total". Desde Negreira, a formación aposta por cantantes da terra e por un espectáculo capaz de chegar a avós e netos sen renunciar á súa identidade. Pero a noite acabará converténdose nunha batalla entre propietarios, fichaxes e estratexias, que levará o xurado a tomar unha decisión inédita: abandonar o estudio.
Sete cantantes defenderán a súa candidatura, pero só dous poderán superar a Sala de Contratación e chegar á gran final. Entre eles estarán algunhas das voces máis destacadas da verbena galega, artistas novos con contas pendentes co mundo da música e figuras consagradas que deberán demostrar que a experiencia non as volveu intocables.
E, por se a competición non fose suficientemente difícil, Pepe da Olympus decidirá xogar as súas propias cartas. A gran polémica chegará coa candidatura de Genma Lareo. A histórica cantante da París de Noia, agora convertida nun dos grandes nomes da Olympus, defenderá a súa condición de diva cun repertorio de copla e unha historia marcada pola maternidade e pola enfermidade da súa nai. Pero Pepe quere asegurarse de que pase á final e aparecerá cunha invitada escondida no camerino: Pili Pampín. O director pretende que ambas interpreten xuntas ‘La gata bajo la lluvia’, unha xogada que provoca a protesta inmediata do xurado, disposto a abandonar o plató para non deixar que o espectáculo inflúa na súa votación. Por primeira vez, o concurso terá que consultar as súas propias bases en directo. E a resposta pode cambiar a noite.
Outro dos protagonistas será Edgar Bao, que, con só 24 anos, xa viviu a parte máis amarga do espectáculo. Foi semifinalista nun coñecido talent, cantou con David Bisbal e, cando apenas era un adolescente, fixéronlle crer que estaba destinado a converterse nunha estrela internacional. As promesas incumpridas deixárono marcado e hai pouco chegou a pensar en abandonar a música. En ‘A Orquestra Perfecta’ falará dese sentimento de converterse nun xoguete roto.
Pola súa parte, as bailarinas Lucía Sixto, Tábata Campos e Nahir Figueiras, coñecidas como ‘as musas de Negreira’, destaparán unha das normas máis sorprendentes da formación: os contratos da Olympus prohiben as relacións amorosas entre compañeiros e contemplan multas de ata 3.000 euros. O problema é que as tres recoñecen que viviron algún romance dentro da orquestra. A confesión abrirá unha pregunta bastante máis perigosa que calquera avaliación do xurado: cantas cousas suceden na Olympus sen que Pepe se decate?
As fichaxes que aínda doen
Pepe da Olympus defenderá tamén a súa habilidade para reunir os mellores artistas, aínda que Lito Garrido e Javier Saavedra teñen outra maneira de chamarlle. Os nomes de Irene Iglesias, Nakary ou Alba Navarro reabrirán antigas feridas e converterán o mercado da verbena nunha guerra entre os tres directores. O pique atravesará un programa en que tamén competirán Rubén Darío, Maite Rodríguez, Zeus Rey, Diego Barbazán e Alejandra Caruncho. Tras as actuacións, os retos improvisados e as avaliacións, o xurado deberá pecharse na Sala de Contratación para decidir un veredicto que só lles permitirá a dous dos sete cantantes da Olympus unirse aos finalistas elixidos nas anteriores formacións.