div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Historia da Televisión de Galicia - Contido

Historia da Televisión de Galicia

A TVG iniciou as súas emisións o 24 de xullo de 1985, véspera do Día de Galicia, desde as súas instalacións de San Marcos na parroquia de Bando, no Concello de Santiago de Compostela. A súa programación regular comezou o 29 de setembro de 1985 con 39 horas de emisión á semana.

A TVG foi a primeira canle autonómica do estado español que emitiu regularmente vía satélite. Fíxoo co programa "Galeguidade" o 29 de decembro de 1994.

A TVG emitiu por primeira vez a través da rede de fibra óptica de telefonía o 25 de novembro de 1994; foi dende Silleda e ofreceulle aos seus espectadores imaxes do IV Salón da Enerxía e Desenvolvemento Rural.

A TVG emitiu por primeira vez na súa historia en sistema NICAM-Dual-Estéreo para toda Galicia a principios de 1995.

A Televisión de Galicia emitiu por primeira vez un teletexto en galego o 11 de outubro de 1995, iniciando as súas emisións regulares o 15 de decembro de 1995.

A TVG emitiu por primeira vez en sistema Pal Plus, a pantalla de formato longo, coma a do cinema (16 :9), en outubro de 1995. Fíxoo co apoio da Unión Europea a través do Plano de Acción para Servizos Avanzados de TV.

A TVG realizou por primeira vez a gravación dun programa en formato Pal Plus (16/9), no Torneo Campión de Campións de squash celebrado en Santiago de Compostela os días 28 e 30 de novembro de 1996.

A marca de audiencia da TVG produciuse o sábado 7 de decembro de 1996 durante a transmisión do encontro de fútbol entre o Real Madrid e o Barcelona. O chamado "partido do século" foi seguido a través da canle autonómica por 745.000 espectadores.

A TVG iniciou as súas emisións regulares cara a América vía satélite a través da canle Galeusca o día 31 de decembro de 1996 ás 14 horas locais.

A TVG asinou o 14 de febreiro de 1997 un acordo de colaboración coa cadea CNN para enviar información sobre Galicia e para a inclusión na programación das súas emisións vía satélite.

A TVG iniciou a emisión da súa propia canle vía satélite cara a América o 1 de abril de 1997 ás 17 horas.

O día 21 de xullo de 1997 iniciou o seu funcionamento en probas o novo control central robotizado da TVG.

A TVG iniciou as súas emisións regulares pola Internet en Tempo Real ás cero horas do día 17 de maio de 1997, Día das Letras Galegas, sendo a primeira de Europa e a sétima do mundo en ofrecer esta posibilidade.

A TVG estreou a súa primeira mediametraxe o 17 de maio de 1997. Baixo o título "O Tesouro", fixo unha adaptación da obra de Ánxel Fole en formato Pal Plus.

A TVG iniciou as súas emisións pola plataforma "Vía Digital" o 15 de setembro de 1997.

A TVG iniciou a emisión do Televídeo para a canle Galicia TV-América o día 18 de novembro de 1997.

A canle autonómica iniciou as emisións para Europa en dixital o día 7 de marzo de 1998 a través do satélite Eutelsat Hod Bird-3.

O día 7 de xullo de 1998, ás 21 horas e 27 minutos, realizou a primeira conexión de satélite cunha unidade móbil de enlaces propia. Sería na emisión do "Telexornal Segunda Edición" desde a Expo de Lisboa.

O Teletexto da CRTVG iniciou a emisión de novas o día 24 de xullo de 1998, véspera do Día de Galicia.

A TVG iniciou as súas emisións regulares cara a Europa polo Eutelsat Hot Bird-3, o día 1 de decembro de 1998.

A TVG iniciou emisións cara a América a través do satélite Hispasat o 1 de decembro de 1998.

A TVG cambiou a súa imaxe corporativa o mércores día 20 de xaneiro de 1999.

A TVG regularizou as súas emisións cara a Europa polo Eutelsat o 29 de xaneiro de 1999.

O 23 de abril de 1999, venres, entrou en funcionamento o novo enderezo electrónico da TVG: http://www.tvg.es

En abril do 2001, e despois dun pequeno parón (alleo á TVG), a Televisión de Galicia reinicia as súas emisións para Europa, a través do satélite Hispasat.

A TVG comezou a emitir con tecnoloxía dixital terrestre desde os Centros Emisores de Pedroso (Santiago), A Bailadora (Ares-Ferrol), Domaio (Moaña) e Tomba (Pontevedra), en marzo de 2002.

TVG e Panasonic asinan -maio 2002- o acordo de adxudicación da dixitalización para os Servizos Informativos, na que se inclúe o subministro de máis de 200 equipos de DVCPRO50, así como unha rede de servidor con estacións non liñais para informativos.

En xaneiro de 2003, a TVG presenta o seu Plano de Cine, TV Movies, Series e Programas para Televisión de Galicia, S.A., do 2003, co que se establece un concurso público de petición de ofertas para a realización de produtos audiovisuais. A TVG é a única canle de televisión en España que desenvolve este tipo de concorrencia pública de ofertas para produtos audiovisuais.

O 24 de marzo de 2004 a TVG pon en marcha un novo sistema de automatización do seu estudio de continuidade.

No ano 2005, Luar supera as 500 emisións e o Cine en Versión Orixinal leva 15 anos continuados na TVG.

A canle pública galega realiza un seguimento especial dos actos de despedida de Xoán Paulo II desde Roma, das eleccións vascas e das galegas de xuño de 2005.

En febreiro de 2005 estréase a serie Libro de Familia, ficción que conta a historia de tres sagas nunha vila galega nos anos 60 e que se converteu nunha das series de éxito da historia da TVG.

En outubro de 2006, estréase A Casa de 1906, primeiro programa de telerrealidade feito na TVG, en que dúas familias galegas viven durante dous meses nunha contorna da Galicia de hai cen anos.

A TVG pon en marcha en 2007 agalega.info, nova páxina na Rede dos Servizos Informativos, desde a que o usuario pode acceder ás noticias e a todos os espazos informativos que se van emitindo na canle pública.

No ano 2008 prodúcese o lanzamento con éxito da serie Padre Casares, ficción que narra con humor e tenrura o proceso dun cura novo para encaixar na nova parroquia da que se ten que ocupar.

O espazo semanal de información agraria da TVG Labranza chega, en xullo de 2008, aos 1000 programas en antena e aos 19 anos de vida ininterrompida.

O 2 de febreiro de 2009, inaugúrase a segunda canle da Televisión de Galicia, G2, cunha emisión firme e de forma regular.

En 2009, a TVG emite con tecnoloxía dixital desde máis de corenta centros emisores e reemisores que lle facilitan unha cobertura próxima superior ó 85% da poboación, cobertura que acadará o 98% en abril de 2010.

En abril de 2009 a Galega estrea Matalobos, serie de éxito que en clave de thriller policial introdúcese no mundo do narcotráfico. As tramas xiran arredor dun clan familiar e da ficticia vila costeira galega, Sardiñeira. 

Por primeira vez na súa historia, a TVG realiza, desde agosto de 2009, a transmisión da temporada da UEFA Champions League, dentro do programa Zona Champions.

En 2010 a TVG conmemora o 25 aniversario coa Gala 25 de Xullo, celebrada no Pazo de Congresos de Santiago.

O 6 de novembro de 2010, a TVG e a Radio Galega fixeron o maior despregamento, técnico e humano, na súa historia para ofrecerlle a todo o mundo a visita de S.S. o Papa Bieito XVI a Santiago. O evento acadou rexistros históricos de audiencia, chegando a niveis do 52% de cota de pantalla. Calcúlase que máis de 23 millóns de persoas viron en España imaxes producidas pola TVG. O sinal foi facilitado a unhas 130 televisións doutros países.

En 2010, comeza a emitirse o primeiro informativo cultural diario da TVG, ZigZag Diario.

A TVG intervén, en abril de 2011, na 29 Conferencia Anual de Circom, celebrada en Romanía. Circom é un organismo internacional que reúne a televisións rexionais públicas de todo o continente europeo. En novembro do mesmo ano, participa por primeira vez na reunión do Consello Europeo de Circom, que tivo lugar en Malmö (Suecia).

En outubro de 2011, a CRTVG adhírese ao Pacto Mundial de Nacións Unidas para a Responsabilidade Social Corporativa. Con esta iniciativa, de carácter voluntario, os medios públicos galegos incorporan ao seu modelo de xestión o compromiso duns principios en materia de dereitos humanos e laborais, medio ambiente e loita contra a corrupción. Como requisito, o ente público galego debe elaborar cada ano un Informe de Progreso, en que se describen os esforzos realizados para implementar os dez grandes principios, que é seguido desde a organización internacional.

En 2012, a CRTVG publica o seu primeiro Informe de Progreso, a través do Pacto Mundial da ONU. Nel, destaca a achega de 5.700 horas ao ano de contidos culturais e divulgativos, 2.800 horas dedicadas á atención ás minorías e unhas 750 actuacións de promoción do novo talento galego, entre outros datos.

A TVG recolle en Suecia, en maio de 2012, o premio á Mellor Ficción Europea pola serie Matalobos. O prestixioso galardón foi concedido no transcurso dunha gala pola asociación Circom, que agrupa a 269 televisións púbicas rexionais de Europa. É o recoñecemento máis importante recibido pola canle autonómica na súa historia.

En outubro de 2013 estréase "O Faro", unha serie diaria de 120 capítulos de 50 minutos de duración. Trátase da primeira ficción realizada conxuntamente polas televisións autonómicas, as 11 canles agrupadas en Forta, xunto con Canal Extremadura.

Do 8 ao 10 de maio de 2013, a TVG organiza a 31 Conferencia Anual de CIRCOM en Compostela, en que participan uns 300 delegados de televisións públicas de 25 países europeos.

A CRTVG recibe, en 2014, o premio Pioneros.es, en recoñecemento á súa precursora presenza na rede, ao ser en 1995 nunha das primeiras empresas públicas de comunicación na internet. O galardón entregouse coincidindo co 25 aniversario dos dominios.es.

A Academia española de Televisión galardoa á TVG, en 2014, na categoría de Mellor Informativo Autonómico pola cobertura da catástrofe de Angrois, na gala da 16 edición dos Premios Iris.

Publicidade
Publicidade
Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade