Volve Kevin José: a TVG estrea 'Era Visto! A Choupana' o xoves despois de 'Land Rober' - CSAG
Volve Kevin José: a TVG estrea 'Era Visto! A Choupana' o xoves despois de 'Land Rober'
Un dos grandes éxitos da comedia galega regresa cunha secuela con historias delirantes, personaxes novos e antigos e moita retranca
Agora, Kevin José, celtista de pro, colle a remuda do seu pai, Moncho, e trasládase a vila rival, á Choupana, onde intenta sentar cabeza e enfrontarse aos retos da vida adulta
Este xoves (22:45 h) emítense os tres primeiros capítulos e despois, unha nova dose do ‘Era Visto!’

Santiago, 12.11.2025.- Kevin José madura…, ou polo menos inténtao. Un dos grandes éxitos da comedia galega regresa cunha secuela con historias delirantes, personaxes novos e antigos e moita retranca. Este xoves, despois do ‘Land Rober + Show’, emitiranse os tres primeiros capítulos de ‘Era Visto! A Choupana’, e despois chegará unha nova dose da icónica ficción da TVG.
Hai 15 anos, Kevin José (Marcos Pereiro) era un adolescente descerebrado que deixou embarazada a Laura (Marita Martínez), unha moza da parroquia rival da Choupana. E hoxe, contra todo prognóstico, sentou a cabeza, atopou traballo e formou con ela unha familia. Agora, Kevin, Laura e a súa filla Rober (Carla Mojón) gozan dunha convivencia tan caótica como entrañable.
A vida de Kevin na Choupana repite o patrón do seu pai Moncho en Lameiro, agás no equipo, xa que Kevin lle saíu celtista a Moncho. Polo demais, traballa nun concesionario de tractores e chimpíns dirixido pola temible dona Remedios (Lucía Veiga), e pasa as tardes no bar rexentado por Fuco (David Perdomo), con Milucho (Xosé Manuel Esperante) e Lino (Victor Fábregas) resolvendo os grandes enigmas da vida. Por suposto, ao final do día, péchase no garaxe para compartir as súas reflexións sobre a vida.
O turno de Kevin José
“Botamos anos escoitando as reflexións de Moncho, e agora tócalle falar a Kevin. É unha gran responsabilidade”, comenta Marcos Pereiro, protagonista da serie. “Manter o nivel de humor e actualidade é un reto, pero tamén unha satisfacción. As novas temáticas -desde o cambio climático ata o mundo das criptomoedas ou como fala a miña filla ficticia- dan moito xogo”, engade.
