Un luns máis, 'Recantos. O cásting', á procura dos intérpretes máis prometedores para a próxima temporada - CSAG
Un luns máis, 'Recantos. O cásting', á procura dos intérpretes máis prometedores para a próxima temporada
A selección desta semana sucede entre risas, emoción e moito talento

Santiago, 17.8.2026.- Chega a terceira audición de ‘Recantos. O Cásting’ (22:00 h). O xurado, formado por Pili Pampín, Cristian Yennia e Manu Turnes, descubrirá que “non todo é o que parece”, que Galicia agocha grandes voces por todo o territorio e que, unha vez máis, serán moitos os que escoiten que teñen “alma de recanteiro”.
Hai quen se engana unha e outra vez, quen consegue que o xurado escache coa risa, quen acaba chorando da emoción e quen deixa sen palabras a todo o equipo. Negra Sombra, Rapaciña Bonita, Como yo te amo, No puedo vivir sin ti, Hoxe, mañá e sempre - Tanxugueiras, Labios de rojo ou Si nos dejan son algún dos temas que se van interpretar.
Desta volta o programa demostrará que nunca é tarde para cumprir un soño. Como María José ou José Luis que, aos seus máis de 60 anos, deixarán coa boca aberta o sempre duro de roer Manu Turnes.
Con Óscar, será imposible manter a seriedade, todo un showman que porá a todos a corear a mítica canción de Rosalinda. Alba e Natalia porán en valor o talento das novas xeracións. E, coma sempre, haberá quen se engane unha e outra vez e serán convidados a probar sorte noutra ocasión.
Todo isto pasando sempre polo backstage, onde Duarte Galbán compartirá a emoción dos acompañantes e dos propios concursantes antes e despois de pisar o escenario. Nesta ocasión será posible velo bailar e cantar…
Un programa de entretemento para toda a familia co que, por primeira vez na historia, se pode ver a fase de selección dos artistas que ao longo da próxima temporada participarán en ‘Recantos’, a mítica sección de ‘Luar’.
Cunha coidada posta en escena, o programa nace compartindo o obxectivo da mítica sección de ‘Luar’, descubrir os talentos musicais da terra. Oito audicións e unha gran gala final, que se celebrará o próximo mes de setembro e da que sairán os recanteiros e recanteiras da próxima temporada.