Trébol, máis de 70 anos facendo historia, desafía a Origen, a nova revolución da verbena, en 'A orquestra perfecta' - CSAG
Trébol, máis de 70 anos facendo historia, desafía a Origen, a nova revolución da verbena, en 'A orquestra perfecta'
O espazo segue buscando as voces que formen a orquestra insuperable, hoxe, entre unha formación chea de experiencia e unha nova forma de entender o espectáculo

Santiago, 15.8.2026.- Esta noite chega á TVG unha nova entrega de ‘A orquestra perfecta’ (22:00 h), un espectáculo musical de primeiro nivel, que segue buscando as voces que formen unha formación musical inmellorable. Nesta ocasión compiten en protagonismo a histórica agrupación da Trébol coa xuventude de Origen. A formación ferrolá Trébol enfrontouse a décadas de cambios sen perder a súa identidade e chega hoxe ao talent da TVG para medirse cunha das orquestras máis novas e rompedoras.
Hai orquestras que pasan de moda, e hai outras que conseguen que o tempo pase por elas sen cambiar a súa esencia. É o caso de Trébol, unha das formacións máis veteranas da verbena galega, que leva máis de sete décadas sobre os escenarios. Naceu en Ferrol en 1948 e realizou a súa primeira actuación no Casino Ferrolano, onde foi orquestra titular durante moitos anos. Desde entón, a súa historia está ligada á de varias xeracións de galegos.
Durante máis de 70 anos, Trébol foi evolucionando ao ritmo dos tempos sen renunciar á súa personalidade. Tivo violíns na súa formación ata o ano 2000, atravesou diferentes épocas da música popular e continuou presente en escenarios de todo tipo: desde festas populares ata casinos, hoteis, restaurantes, salas de festas, emisoras de radio e televisión. A súa historia, ademais, traspasou Galicia. Trébol levou a súa música ata Bos Aires e actuou tamén en cidades como Xenebra, Berna e Zúric. E desde 1983 participa en todas as edicións da Gran Noite de Galicia en Barcelona, onde os seus integrantes chegaron a recibir o recoñecemento do Percebe de Ouro.
Por iso, cando Trébol chega a ‘A orquestra perfecta’, non chega simplemente unha orquestra con historia. Chega unha marca que forma parte da memoria musical de Galicia e que segue subindo aos escenarios.
E esta vez terá diante unha realidade completamente diferente: Origen. Unha orquestra acabada de nacer, revolucionaria e posmoderna, que representa unha nova maneira de entender a verbena e o espectáculo. A historia contra o futuro. A experiencia contra a revolución. Trébol contra Origen.
Este novo episodio de ‘A orquestra perfecta’ converte este encontro nun dos duelos máis singulares da competición. Porque aquí non compiten as orquestras: son os seus cantantes os que se enfrontan entre eles para conseguir un dos billetes á gran final.
E a competición xa está máis que lanzada. Despois dos dous primeiros programas, xa son cinco os finalistas que teñen asegurado o seu sitio na gran final, polo que cada novo duelo aumenta a presión e deixa menos espazo para os que soñan con formar parte da orquestra perfecta.
Trébol chega coa forza de máis de 70 anos de historia. Origen, coa enerxía dunha xeración que chega para cambiar as regras. Pero nesta batalla tamén haberá espazo para a emoción. Unha das concursantes de Trébol abrirá o seu corazón para compartir unha historia persoal relacionada coa maternidade que acabará por deixar sen palabras tanto os seus compañeiros como o xurado.
E só os mellores conseguirán chegar á gran final. O gran duelo continúa en ‘A orquestra perfecta’, o talent da TVG que pon fronte a fronte as voces máis destacadas das orquestras galegas para construír a formación definitiva.