div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Tanxugueiras inaugura o espazo musical 'A nosa movida' da plataforma AGalega.gal

Un novo programa de música, con entrevistas e actuacións en directo, que tamén poderá verse os xoves na Televisión de Galicia 

A plataforma tamén ofrece desde esta semana a microserie de ficción ‘Nómades’, a microserie documental ‘Naturalista do rural’ e o programa ‘Xogas: novos horizontes deportivos’

E o venres 13 estréase a longametraxe documental ‘Desmontando a Barbie’, que analiza seis décadas de historia da boneca máis famosa do mundo

crtvg.gal 09/06/2025 14:23

Santiago, 09.06.2025.-  Máis música e cultura galega nos medios públicos: ‘A nosa movida’ estréase esta semana en AGalega.gal e chegará tamén ás noites dos xoves en Televisión de Galicia. Conducido por Duarte Galbán, ‘A nosa movida’ ofrécese primeiro na plataforma dixital, este mércores 11, con Tanxugueiras como convidadas de luxo.

Gravado na emblemática sala Capitol de Santiago, o espazo ofrecerá entrevistas sen filtros con artistas galegos e actuacións en directo nun formato fresco, próximo e comprometido coa cultura do país, e que poderá verse na TVG os xoves despois de ‘Land Rober Tunai Show’.

Ficción galega, documentais e máis cine para a plataforma 

Outra estrea desta semana é ‘Nómades’, microserie de ficción galega que mergulla os espectadores nunha fin de semana crucial para dúas amigas, Martina e Sofía, que se enfrontan a verdades ocultas tras anos de amizade. A ficción supón un retrato íntimo sobre as decisións vitais e os camiños cambiantes, contado con sensibilidade e autenticidade.
    
Dentro do xénero documental ofrecerase desde o xoves ‘Naturalista do rural’, microserie sobre a natureza vista polos ollos da xente do campo. Cómpre salientar, amais, o programa ‘Xogas: novos horizontes deportivos’, que explora prácticas deportivas pouco coñecidas pero presentes no día a día.

E o venres 13 incorpórase a AGalega.gal ‘Desmontando a Barbie’, unha longametraxe documental que analiza seis décadas de historia da boneca máis famosa do mundo desde unha perspectiva feminista e de transformación social. A peza detense no chamado ‘Proxecto Amencer’ de Mattel, que buscou reinventar o mito de Barbie para conectar coas mulleres contemporáneas. Estará dispoñible só ata o 23 de xuño, polo que esta será a última oportunidade para vela na plataforma. Ademais,  esta semana a plataforma disporá das seguintes longametraxes: ‘Saúl, a viaxe a Damasco’, un filme relixioso sobre a conversión de Saulo de Tarso; ‘Os miserables’, thriller francés cheo de tensión nos suburbios de París, e a comedia romántica ‘Amor a distancia’ que se estreará o sábado 14.

En Xabarín.gal, máis animación e curtametraxes galegas

Os pequenos da casa disporán en Xabarin.gal, tamén desde o venres, de novos capítulos da serie de animación ‘Moby dick’. A maiores, a partir da próxima fin de semana incluiranse as curtametraxes do programa escolar ‘Nós tamén creamos!’, todas as curtas finalistas e as gañadoras. A gala de entrega de premios será o vindeiro día 18 de xuño.          

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade