div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Superdomingo de 'Galicia en Goles', coa retransmisión dos partidos do Deportivo e do Celta Fortuna

Este venres, a Radio Galega ofrecerá en directo o último partido da Liga ACB no Pazo de Lugo, entre o Breogán e o Zaragoza

csag.gal 29/05/2026 16:34

Santiago, 29.05.2026.-    As retransmisións deportivas da fin de semana principian na Radio Galega e AGalegaAudio.gal este venres ás 20:30 h co final da Liga ACB de baloncesto no Pazo de Lugo, onde o Breogán recibe o Zaragoza, que afronta o peche do campionato desde a penúltima praza da clasificación, na zona de descenso. Outro punto de directo será o Pavillón dos Deportes de Riazor, coa apertura da semifinal polo título de liga de hóckey sobre patíns entre o Liceo e o Calafell.

O sábado, ás 14:15 h, o fútbol base será o protagonista desde Vigo coa celebración do trofeo que leva o nome do histórico defensa do Celta e do Real Madrid Míchel Salgado. O ‘Galicia en Goles’ tamén estará pendente da romaría que organizan na Estrada as peñas do Celta. A carreira de atletismo San Ya Go 10K 2026, que se celebra na capital de Galicia, completará a oferta do día.

Xa o domingo, o programa estará en antena durante 12 horas. A primeira entrega, de 12:00 a 14:00 h, repartirá xogo no campo Ponte dos Brozos co Arteixo-Compostela, ida da fase de ascenso á Segunda RFEF. Os locais accederon a esta rolda tras necesitar unha prórroga para eliminar o Estradense, mentres que o equipo da capital de Galicia solucionou con goleada o enfrontamento ante o Rácing Vilalbés. Ademais do fútbol, o Liceo-Calafell de hóckey sobre patíns terá presenza na xornada matinal.

A partir das 14:15 h, a Radio Galega abrirá os micrófonos na fan zone de Riazor, primeiro punto da festa do ascenso do Deportivo antes de recibir a Unión Deportiva As Palmas no partido que pecha a temporada na Segunda División. O equipo canario está obrigado a gañar para garantir a praza no playoff e non ter que depender dos resultados dos seus rivais directos. Cando rematen os 90 minutos de xogo comezará unha longa noite de festa, primeiro no terreo de xogo, desde onde os futbolistas e o corpo técnico conectarán cos afeccionados a través dos cánticos xa consolidados no vestiario desde a vitoria do pasado domingo en Valladolid. Posteriormente, o equipo partirá en autobús desde o estadio ata a fonte de Catro Camiños para poñerlle punto e final ao curso 25-26.

Ademais, os oíntes poderán seguir a retransmisión do Europa-Celta Fortuna que abre as eliminatorias de ascenso ao fútbol profesional no Nou Sardenya do barrio de Gracia, en Barcelona. Os celestes parten como favoritos, ao rematar subcampións do grupo 1 con 65 puntos. O equipo catalán entrou na fase como quinto clasificado do grupo 2, tras sumar 60 puntos.                                                                                             

Completa a xornada futbolística o desenlace da final de ascenso á Primeira RFEF entre o Conquense e a Unión Deportiva Ourense, con vantaxe galega dun gol tras os primeiros 90 minutos de xogo. O equipo das Burgas está ás portas de subir por primeira vez na súa curta historia á terceira división do fútbol español. Mentres no campo da Fuensanta se xogará dar o salto de categoría, en Ourense os seareiros xuntaranse arredor dunha pantalla xigante para vivir este domingo histórico para a cidade. Alí haberá tamén un reporteiro da Radio Galega para trasladarlles toda a emoción aos oíntes.

Por último, o balonmán tamén estará presente durante a tarde, xa que o Cangas necesita polo menos un punto ante o Puente Genil para evitar a fase de permanencia na Liga Asobal. O cadro galego ten moito ao seu favor, xa que xogará co apoio dunha afección que encherá as bancadas do Gatañal para contribuír á continuidade na elite unha temporada máis.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade