div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Spórting de Xixón-Celta Fortuna e Obradoiro-Real Madrid, esta fin de semana no 'Galicia en Goles' da Radio Galega e AGalegaAudio.gal

O programa tamén estará pendente do Deportivo Abanca-Atlético de Madrid e da Primeira Feminina, en que compiten Celta, Ensino e Uni Ferrol

csag.gal 01/10/2026 17:00

Santiago, 01.10.2026.-    ‘Galicia en Goles’, o programa deportivo de fin de semana da Radio Galega e AGalegaAudio.gal, despregará a axenda máis completa de retransmisións entre o venres e o domingo, cun total de 26 horas en antena.

O venres, de 20:00 a 00:00 h, a atención estará posta no Deportivo-Porto. O estadio de Riazor acolle un amigable con sabor histórico lembrando a eliminatoria de Champions da temporada 2003-04. Ademais, o programa conectará co Avilés-Lugo, da Primeira RFEF, e co Cangas-Valladolid, da Asobal de balonmán.

O sábado, desde as 14:15 h, o interese pasará pola Sangriña, para escoitar as protagonistas do Guardés na súa estrea na European League ante o Boden de Suecia. Logo, A Malata será o seguinte punto de directo ao acoller o clásico Rácing de Ferrol-Pontevedra, mentres en Irún a Unión Deportiva Ourense visita o Real Unión. A Primeira F estará presente desde Riazor, co Deportivo-Atlético de Madrid. No último treito do programa tomará o mando o baloncesto, coa visita do Breogán a Manresa na Liga ACB. O Nou Congost é un pavillón talismán para os galegos, xa que alí marcaron un dos rexistros máis lembrados da historia do club cunha vitoria contundente por 70-106. O comezo da Primeira feminina tamén terá oco durante a tarde, coa cobertura do Celta-Gernika en Navia, mentres no fútbol sala O Parrulo recibe en Ferrol o Valdepeñas.

Xa o domingo, a partir das 11:45 h, o ‘Galicia en Goles’ daralle voz á estrea como local do Básquet Coruña na ACB, recibindo o Bilbao. O outro punto de directo será o pavillón do Sar, onde o Obradoiro porá a proba o seu proxecto ante o Real Madrid. Durante o mediodía haberá conexións co Pazo de Lugo, onde o Ensino inicia a temporada ante o Euskotren. O fútbol da Primeira RFEF compartirá protagonismo, coa información do U. D. Logroñés-Fabril desde o histórico As Gaunas, e no fútbol sala destacará a visita do Barcelona ao Noia no Agustín Mouris.
    
A partir das 14:15 h, o fútbol profesional ocupará o primeiro treito da tarde co enfrontamento no Molinón entre o Spórting de Xixón e o Celta Fortuna. A Segunda e a Terceira RFEF completarán a oferta con atención especial a estes partidos: Bergantiños-Coruxo, Ourense C. F.-Arousa e Compostela-Oviedo Vetusta. A Malata entrará na rolda de conexións coa liga de baloncesto feminino e o encontro entre o Uni Ferrol e o Araski.

#GaliciaEnXogo

A última hora do domingo está reservada no ‘Galicia en Goles’ para o proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo. Ás 23:00 h, Rodrigo Pérez atenderá a información do motor, que esta fin de semana centra en Francia o evento máis destacado coa participación dos galegos Jorge Prado e Rubén Fernández na Copa das Nacións de Motocrós. Desde as 23:30 h, Toni López continuará co ciclo de entrevistas aos deportistas galegos que preparan os próximos Xogos dos Ánxeles 2028.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade