Semen-Up, Amoebo e Trisha Fernández con Wanila, protagonistas dun 'Luar' dedicado ás 'Compras inútiles' - CSAG
Semen-Up, Amoebo e Trisha Fernández con Wanila, protagonistas dun 'Luar' dedicado ás 'Compras inútiles'
Gayoso e Aitana del Mar propoñen un programa atrevido, co regreso do grupo vigués aos escenarios, con novas voces urbanas e o avance de fase en ‘Recantos’

Santiago, 28.11.2025.- ‘Luar’ mergúllase esta noite (21:40 h) no espírito consumista do ‘Black Friday’ cun programa centrado nas ‘Compras inútiles’, unha temática que dará pé a moitos momentos divertidos. A ‘community manager’ Sabela Grilo (María Foscaldo) abrirá a emisión advertindo do ton algo picante dalgúns contidos especiais da noite.
Entre as actuacións musicais destaca o grupo Semen-Up, pioneiro do pop irreverente dos anos 80, que regresa aos escenarios para ofrecer algúns dos seus temas máis icónicos e atrevidos, como ‘Lo estás haciendo muy bien’ e ‘Bendita seas’. Tamén soará a música urbana galega con Amoebo, unha formación en auxe na escena alternativa, que interpretará o seu recente sinxelo tamén subido de ton, ‘Escándalo no escuro’.
A expresentadora do programa Trisha Fernández volverá a ‘Luar’ acompañada do seu grupo Wanila para interpretar ‘Nada’, protagonizando un reencontro moi especial co público do programa. A noite incluirá tamén a actuación de DJ Son1c e Alejandra Pais, que presentarán ‘Galicia enteira’, un tema concibido como unha homenaxe musical ao noso país.
No canto do concurso ‘Recantos’, despois da expulsión de catro aspirantes a pasada semana, comeza unha nova fase coas actuacións de Fran Vázquez (Bergantiños-Costa da Morte) e Montse Angueira (Xallas-A Barcala).
E por último, o mago melidense Dani Polo sorprenderá con algún número de ilusionismo e o ‘arranxatodo’ Lalo Penelas, interpretado por Xosé A. Touriñán, tamén achegará as súas singulares aventuras por Galicia adiante ao longo da noite.