Seis partidos de fútbol esta fin de semana na G2 e AGalega.gal - CSAG
Seis partidos de fútbol esta fin de semana na G2 e AGalega.gal
Pontevedra-Athlétic B, Ourense-Celta Fortuna, Reus-U. D. Ourense, Coruxo-Baleares, Arousa-Céltiga e Viveiro-Compostela nos medios públicos galegos

Santiago, 8.5.2026.- Os afeccionados do fútbol galego teñen esta fin de semana a posibilidade de ver ata seis partidos das distintas categorías dependentes da Real Federación Española de Fútbol. O sábado, ás catro e cuarto da tarde, o estadio de Pasarón acolle unha cita chave na recta final da Primera RFEF que emitirá a segunda canle da TVG. O Pontevedra, que vén de empatar sen goles no campo do Rácing de Ferrol, necesita os tres puntos para asegurar a súa praza na fase de ascenso a Segunda División. O equipo granate, dirixido por Rubén Domínguez, convocou á cidade a encher as bancadas con entradas a 5 e 10 euros baixo o lema "O playoff pasa por Pasarón".
A partir das sete da tarde chegará na G2 e na plataforma AGalega.gal a primeira entrega da fase de ascenso á Primeira RFEF. A Unión Deportiva Ourense visita o Reus no estadio municipal nunha eliminatoria que afronta como un premio tras ser quen de entrar como terceiro clasificado na súa primeira campaña na categoría.
O domingo, ás catro e cuarto, a G2 ofrecerá un dos últimos derbis galegos do curso na Primera RFEF. O Ourense recibe no Couto o Celta Fortuna, cos locais xogando a permanencia e os celestes preparando xa a fase de ascenso á Segunda División profesional. A partir das seis, a plataforma AGalega.gal emitirá no formato multifútbol dous partidos simultáneos que decidirán o campión da liga e o ascenso directo á Segunda RFEF. Na Lomba de Vilagarcía, o Arousa recibe o Céltiga nunha final que o equipo arlequinado ten na man, xa que se gana é campión e ascende directamente. En Cantarrana, a S. D. Compostela visita o Viveiro xa salvado. Os santiagueses teñen que sumar os tres puntos e agardar unha picada do Arousa.
Por último, ás sete da tarde por G2 e AGalega.gal, chegará a ida da primeira rolda do playoff de ascenso á Primera RFEF entre o Coruxo F. C. e o Atlético Baleares. Os vigueses, quintos clasificados do Grupo 1 da Segunda Federación con 52 puntos, reciben no Campo do Vao de Vigo ao segundo clasificado do Grupo 3, o Atlético Baleares, un dos candidatos máis serios para dar o salto de categoría, con 66 puntos sumados e 19 vitorias logradas na liga regular.
En Xogo
Ao remate da xornada do domingo, o programa ‘En Xogo’ recolle na G2 e AGalega.gal, a partir da dez e vinte e cinco minutos da noite, todos os goles, as claves e as declaracións dos encontros do día. Esta semana, o programa prestará atención especial ao Atlético de Madrid-R. C. Celta de Vigo e ao Cádiz-Deportivo da Coruña. Ademais, os espectadores terán un amplo resumo do clásico Barça-Madrid, en que o equipo catalán será campión da Primeira División empatando ou gañando. Para quen non poida estar á hora de emisión en directo, haberá un segundo pase na TVG despois da medianoite.