Santiago e O Carballiño poñen a proba a Cupido nas catro novas citas a cegas de 'O amor está en Galicia' - CSAG
Santiago e O Carballiño poñen a proba a Cupido nas catro novas citas a cegas de 'O amor está en Galicia'
Dúas parellas na capital galega e outras dúas na vila ourensá intentarán que triunfe o amor entre pizzas, un jacuzzi e outras sorpresas

Santiago, 11.03.2026.- Santiago de Compostela e O Carballiño serán os escenarios da nova entrega de ‘O amor está en Galicia’, que a TVG emite este mércores á noite (22:40 h). O programa continúa a súa viaxe polo país para conectar a persoas solteiras que buscan algo máis que unha simple cita e comprobar se entre elas pode xurdir a química.
Na capital galega, dúas citas marcarán o ritmo da noite. A primeira xuntará dous mozos de 23 anos: Rodrigo, informático tranquilo e familiar, e Uxía, estudante de Psicoloxía espontánea e directa. A súa cita consistirá en preparar unha pizza xuntos, un plan sinxelo que servirá para descubrir se as súas personalidades tan distintas encaixan ou non.
Na segunda historia coñecerase a Danick, adestrador e xogador de waterpolo que soña cunha relación estable e unha familia numerosa, e a Paula, creativa e amante da música que agora se sente preparada para volver confiar no amor. O seu encontro terá lugar nunha cabana con jacuzzi, un escenario romántico que pode facer saltar as chispas… ou abrir conversacións inesperadas sobre o futuro.
A viaxe do programa continuará no Carballiño, onde tamén se producirán dous encontros cheos de expectativas. Nun deles presentarase a Lisbeth, odontóloga venezolana afincada en Vigo que busca alguén que saiba sorprender e valorar os pequenos detalles. Fronte a ela estará Emilio José, veciño da vila ourensá, traballador dunha fábrica e amante do fútbol, dos coches e da vida tranquila.
A outra cita reunirá a Dalia, unha muller loitadora apaixonada polos animais, a música e as verbenas, con Óscar, un home romántico e moi familiar que, despois de varias decepcións amorosas, segue confiando en atopar a persoa axeitada.
Catro citas, oito solteiros e unha pregunta no aire: prenderá esta noite o amor na TVG?