Rodrigo Vázquez regresa este luns á TVG á fronte dunha nova temporada de 'Atrápame se podes' - CSAG
Rodrigo Vázquez regresa este luns á TVG á fronte dunha nova temporada de 'Atrápame se podes'
Cinco concursantes porán a proba coñecementos e axilidade mental a diario na sobremesa, co obxectivo de gañar o bote que parte de 10.000 euros
Incorpora como novidade un premio de 100 euros por cada acerto no ‘minuto final’

Santiago, 9.1.2026.- A sobremesa da TVG estrea este luns unha nova temporada de ‘Atrápame se podes’, un dos concursos máis recoñecibles da canle, que regresa cun formato dinámico, cheo de ritmo e coa complicidade dun presentador moi querido pola audiencia galega, Rodrigo Vázquez.
De luns a venres, arredor das 15:40 horas, o comunicador ourensán ponse de novo á fronte deste concurso de cultura xeral, en que cinco concursantes compiten en roldas eliminatorias polo cobizado bote, que nesta nova etapa parte de 10.000 euros. Axilidade mental, rapidez e estratexia son as claves dun formato que mantén a súa mecánica clásica e que combina preguntas individuais e en parella para poñer a proba os coñecementos dos participantes.
En ‘Atrápame se podes’ os cinco concursantes rivalizan semanalmente nun formato composto por cinco fases. As eliminacións comezan a partir da segunda rolda e, en cada programa, só un deles logrará chegar á proba definitiva, o ‘minuto final’. Nela deberá responder correctamente cinco preguntas para optar ao bote, que irá aumentando programa a programa ata que alguén consiga gañalo. Como principal novidade, o concurso premiará con 100 euros cada resposta correcta na fase do ‘minuto final’, aínda que non se complete o reto completo.
Durante as primeiras emisións desta nova etapa, Rodrigo Vázquez animará tamén a audiencia a participar no programa, abrindo o proceso de cásting para novos concursantes. As persoas interesadas poden inscribirse enviando unha mensaxe de WhatsApp ao número 618 388 087 cos seus datos de contacto.
Preto de cumprir as 1.000 emisións na súa anterior etapa na TVG, ‘Atrápame se podes’ entregou o maior premio da historia da canle pública galega, 101.800 euros, que acadou o coruñés Iván Pantín.