Os Mozos de Arousa e Guillermo Gauna, protagonistas dunha nova noite de humor no 'Land Rober non para' - CRTVG
Os Mozos de Arousa e Guillermo Gauna, protagonistas dunha nova noite de humor no 'Land Rober non para'
O programa da TVG continúa ofrecendo diversión, música e encontros sorprendentes na noite do xoves co humor de Roberto Vilar e o seu equipo

Santiago, 10.7.2025.- O ‘Land Rober non para’ mantén o ritmo e a diversión este verán nas noites dos xoves na Televisión de Galicia. O espazo presentado por Roberto Vilar continúa sendo unha cita imprescindible para compartir risas, probas atrevidas, sketchs e entrevistas con moita complicidade.
Este xoves, os auténticos protagonistas serán os Mozos de Arousa -Borjamina, Raúl Santamaría e Bruno Vila- que se someterán a divertidas probas, conversarán con Roberto e deixarán momentos para lembrar co seu bo humor e a súa naturalidade.
Ademais, o programa contará coa presenza de Guillermo Gauna, un mozo que fabrica próteses personalizadas en 3D e de balde para axudar a mellorar a vida das persoas. A súa historia, chea de solidariedade e creatividade, sorprenderá tanto o presentador como o público do espazo.
A partir das 21:50 horas, as propostas de Roberto Vilar e o seu equipo converterán o ‘Land Rober non para’ nunha das apostas máis refrescantes para as noites de verán na TVG.