O 'Land Rober' entra nunha nova dimensión con 'Máis Show' - CSAG
O 'Land Rober' entra nunha nova dimensión con 'Máis Show'
O novo ‘Land Rober Máis Show’ renóvase sen perder a súa esencia e acompañará o público galego abrindo o ‘prime time’ de luns a xoves

Santiago, 10.11.2025.- O ‘Land Rober Máis Show’ (21:45 h) chega disposto a revolucionar as noites da Televisión de Galicia. O programa conducido por Roberto Vilar dá un paso de xigante cun novo formato diario que se estreará o luns 10 de novembro, despois de 16 anos de éxito ininterrompido no ‘prime time’ dos xoves.
Coa súa nova denominación, o ‘Land Rober Máis Show’ deixa atrás o ‘Tunai Show’ tras 407 programas ás costas como referente no humor galego, para dar un salto histórico e acompañar os espectadores de luns a xoves, de 21:45 a 22:45 horas. Un espazo renovado, cheo de ritmo, humor e moitas sorpresas, que promete facer rir como nunca.
A súa posta de longo será o día 10 e, malia o cúmulo de novidades preparadas, o programa manterá a súa esencia que o converteu nunha referencia na grella da televisión autonómica durante máis dunha década.
Roberto Vilar estará acompañado por Eva Iglesias e por Roi Méndez, ademais de numerosas caras novas en cada programa. O humor estará presente en todo momento, dende os habituais sketchs, os monólogos, os xogos co público e as entrevistas con convidados, que serán un dos pratos máis fortes desta nova andadura.
Agora, o Land Rober pintará máis a mona ca nunca, con máis risas, máis entretemento e, sobre todo, moito máis show.