div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O especial 'O Día de Galicia' vive esta noite a conta atrás para os Fogos do Apóstolo

Desde a praza do Obradoiro, Lucía Rodríguez achegará a partir das 21:45 h a historia e a tradición que envolven estas festas, amosará o ambiente previo ao espectáculo pirotécnico e conectará en directo con outros puntos de Galicia onde tamén se celebra o Santiago

Ás 23:30 h ofrecerase en directo desde a capital galega o momento máis agardado da xornada, unha grande exhibición de luz e son que será comentada por Arturo Fernández

csag.gal 24/07/2026 02:00

Santiago, 24.07.2026.-     A TVG ofrece este venres, 24 de xullo, o especial ‘O Día de Galicia’, un programa en directo que achegará os diferentes festexos que se organizan ao longo de todo o país na honra a Santiago, así como tamén os intres previos ao grande espectáculo dos Fogos do Apóstolo que, como cada ano, se celebra na capital galega.

Desde a mesma praza do Obradoiro, Lucía Rodríguez conducirá este programa especial, achegando parte da historia e da tradición que envolve esta festa, declarada de Interese Turístico Internacional, ao mesmo tempo que narrará todo o que irá acontecendo na monumental praza este ano.

Ademais, a presentadora contará con cinco reporteiros despregados por distintos puntos de Galicia, para achegar o ambiente festivo que percorre cada recuncho da comunidade e contaxia autóctonos e visitantes. Así, en Santiago de Compostela, Adela Bértolo mesturarase cos milleiros de persoas que agardan no Obradoiro a que dea comezo o espectáculo de luz e cor que cada ano trata de superarse e sorprender todos os presentes. Ademais, e como novidade, o vídeo mapping volverá á histórica praza tras a súa suspensión no ano 2020. Na capital de Galicia tamén estará Óscar Cruz, que contará como vive estes instantes pevios a xente que decide gozar do espectáculo pirotécnico con perspectiva, desde a alameda de Santiago.

‘O Día de Galicia’ tamén formará parte da celebración que organizan con motivo destas datas os veciños e as veciñas do Burgo, en Culleredo. Alí, Miguel Mandayo presenciará a troula que cada ano invade as rúas da vila e terá a oportunidade de bailar ao son da orquestra Miramar.

Pola súa parte, Tamara Pérez presenciará o que o barrio da Ponte, en Ourense, ten preparado para recibir o Día Grande de Galicia. Desde o espectáculo de Pablo Méndez, que mestura acrobacias, música e efectos visuais, ata o ambiente festeiro que xera El Combo Dominicano.

O percorrido rematará en Pontevedra, onde cada mes de xullo os veciños e as veciñas festexan o seu característico Santiaguiño do Burgo. Alba Moledo acompañará os presentes na celebración das súas festas patronais, participando na tradicional procesión, que cada ano percorre o barrio para recoller as uvas e o millo, acompañada de música tradicional e devoción, para rematar nunha troula sen parangón á beira do río Lérez.

Todo isto, para vivir unha noite que promete ser máxica, chea de emoción, de historias, de moita luz e, sobre todo, cor. Unha noite agardada durante todo o ano por todos os galegos e galegas que verán como a comunidade lle dá a benvida ao seu día, ‘O Día de Galicia’.

Deseguido e rematado este programa, a iso das 23.30 h, a Televisión de Galicia retransmitirá o tradicional espectáculo pirotécnico dos Fogos do Apóstolo, un dos momentos máis agardados das festas de Santiago de Compostela, que este ano recupera a proxección de luces sobre a fachada do Pazo de Raxoi, nunha emisión conducida por Arturo Fernández, apoiado polo xornalista e profesor Manuel Gago. A pirotecnia será lanzada desde tres puntos da cidade, a alameda, a Cidade da Cultura e o parque de Carlomagno, formando unha coroa de fogos artificiais para goce dos veciños, dos visitantes e dos espectadores da TVG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade