div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

O 'Especial Eleccións 18F' da Televisión de Galicia acada un 21,8 % de audiencia

767.000 espectadores conectaron ao longo do día coa programación da xornada electoral dos medios públicos galegos

Marta Darriba e Carlos Amado foron os condutores do programa líder da xornada, o ‘Especial Eleccións 18F’ realizado desde o novo Estudio 300 da CRTVG

Por primeira vez, o programa electoral puido seguirse a través da nova plataforma dixital agalega.gal

crtvg.gal 19/02/2024 14:20

Santiago, 19.02.2024.-    O ‘Especial Eleccións 18F’ da TVG emitido este domingo desde o novo Estudio 300 de San Marcos acadou un 21,8 % de cota de audiencia. Foron máis de cinco horas de programa en directo, en que os espectadores puideron vivir o peche dos colexios electorais, coñecer a enquisa de GAD3 para TVG -que reflectiu con exactitude os resultados finais-, seguir o escrutinio minuto a minuto, coñecer análises da situación desde diferentes puntos de vista a través dos faladoiros e tamén as reaccións dos líderes políticos ao longo de toda a noite electoral.

Os xornalistas Marta Darriba e Carlos Amado estiveron á fronte deste programa especial, que se serviu da tecnoloxía do novo Estudio 300 para ofrecer un despregue gráfico apoiado en elementos de animación 3D e realidade aumentada que axudaron a clarificar o seguimento da información. En total, o número de contactos dos programas ‘Eleccións 18F’ do domingo ascendeu a 767.000 galegos de 4 e máis anos. No conxunto da xornada, o número de contactos foi de 908.000 persoas.

A TVG liderou toda a xornada despregando unha cobertura informativa nas catro provincias, nos colexios electorais, nas sedes dos partidos e no centro de datos de Santiago, coa programación de ‘Adiantos informativos’ pola mañá e pola tarde, e co programa ‘Especial Eleccións 18F’, de máis de cinco horas de directo, durante o reconto. A cota media do día da TVG foi do 13 %, superando o dato de audiencia dos comicios de 2020.
    
Líder entre as canles autonómicas

Entre o conxunto das canles autonómicas reunidas na FORTA, a TVG liderou de novo as audiencias na xornada. A cota do 13 % de TVG en Galicia superou en 5 puntos a media das canles autonómicas (7,9 %). No prime time, cun 22,1 %, a TVG seguiu liderando amplamente e duplicando en audiencia a outra canle pública con programación electoral en Galicia, La1 de RTVE, que acadou un 10,1 % na faixa máis vista do día.

Todos os medios da Corporación, TVG, Radio Galega e canles dixitais, entregáronse no seguimento dunha xornada con equipos e conexións cos distintos focos de interese. O portal informativo G24.gal recolleu en tempo real as novidades da xornada e incorporou un widget interactivo para explorar todas as posibilidades e resultados. E, por vez primeira, unha noite electoral puido seguirse tamén a través da nova plataforma global da CRTVG, agalega.gal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade