div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O Deportivo-Levante abre este venres en Riazor a xornada de Primeira División na Radio Galega e AGalegaAudio.gal

‘Galicia en Goles’ contará o domingo pola tarde o Celta-Alavés desde Balaídos

O baloncesto tamén será protagonista, coa retransmisión dos partidos Andorra-Breogán, San Pablo-Obradoiro e Xirona-Básquet Coruña

csag.gal 16/10/2026 11:44

Santiago, 16.10.2026.-    A programación da fin de semana principia na Radio Galega este venres co Deportivo-Levante, da novena xornada da Primeira División. O ‘Galicia en Goles’ porase en marcha ás 20:00 h para contar un partido ao que o Depor chega na oitava praza, con 10 puntos (dúas vitorias, catro empates e dúas derrotas), con 12 goles a favor e 11 en contra. O rival ocupa a décimo sétima posición, con 6 puntos (unha vitoria, tres empates e tres derrotas), con 11 goles a favor e 15 en contra, e vén de igualar 3-3 co Sevilla na última xogada. Iván Romero enlaza tres xornadas consecutivas marcando e suma tres goles, os mesmos que Roger Brugué, máximo goleador do equipo.

O sábado, desde as 14:15 h, a Primeira Federación será protagonista co último treito desde A Malata do Rácing de Ferrol-Unionistas de Salamanca. Máis tarde chegará desde o Anxo Carro o derbi Lugo-Fabril. O equipo local é o líder en solitario, con 19 puntos, tras gañar 3-1 ao Logroñés (con dobrete de Chiqui e gol de Alan Godoy), leva cinco triunfos seguidos e un balance de 12 goles a favor e 4 en contra en sete xornadas.

Cando deixe de rodar o balón nos campos de fútbol, o baloncesto tomará o mando. O Breogán visita o Andorra desde a cabeza da clasificación, mentres o seu rival leva tres derrotas. Mentres, o Obradoiro xoga en Burgos ante o San Pablo, que acaba de perder en Bilbao.

Durante o tarde, o programa conectará con Viveiro, onde se celebra a primeira Milla Internacional do Cantábrico; con Lugo, onde se disputa a 48ª edición do Rally San Froilán, e coa Coruña, sede da décimo terceira Carreira Enki, unha proba inclusiva, solidaria e non competitiva, cun percorrido de 2,5 quilómetros e 23 obstáculos adaptados. Chega a case 17.000 inscritos, con seis quendas de saída desde as 14:00 horas.

Xa o domingo, ás 11:45 h, a edición matinal de ‘Galicia en Goles’ estará dedicada á Liga ACB e ao encontro entre o Xirona e o Básquet Coruña desde o pavillón de Fontajau. Tamén haberá cobertura da liga feminina, en que o Celta xoga na pista do Jairis e o Baxi Ferrol enfróntase ao Valencia.

A partir das 14:15 h, a atención estará posta en Balaídos co fútbol de Primeira. O Celta recibe o Alavés tras perder o xoves ante a Juventus na prolongación. Sen tempo para reflexionar, o cadro vigués necesita os tres puntos ligueiros para asentarse na táboa e coller aire para a cita do xoves en Glasgow.

No polideportivo, a cita destacada é o Cangas-Barça de balonmán, no Gatañal. O cadro do Morrazo gañou en Torrelavega, pero afronta unha misión case imposible, a de puntuar ante o campión das últimas 16 ligas españolas e que xa a temporada pasada gañou con comodidade na cancha galega, por 22-35.

#GaliciaEnXogo

O domingo, ás 23:00 h, Rodrigo Pérez abrirá unha venta ao mundo do motor dentro do proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo. Esta semana o espazo será un monográfico do Rally San Froilán, disputado durante a fin de semana en Lugo. É a oitava proba do Campionato Xunta de Galicia de Rallys, con 114 inscritos e treitos en Outeiro de Rei, O Corgo, Baralla, Sarria e Samos. Ás 23:30 h, Toni López completará a programación deportiva da Radio Galega e AGalegaAudio.gal cunha nova entrega protagonizada polos deportistas galegos que aspiran a competir nos Xogos dos Ánxeles 2028.

Publicidade
Publicidade
Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade