O boxeo volve este sábado á TVG coa velada 'Galicia, terra de loitadores' desde A Coruña - CSAG
O boxeo volve este sábado á TVG coa velada 'Galicia, terra de loitadores' desde A Coruña
O medallista olímpico Enmanuel Reyes, estrela do cartel

Santiago, 8.5.2026.- A TVG e AGalega.gal retransmitirán este sábado ás doce da noite unha das mellores veladas de boxeo organizadas nos últimos anos pola Federación Galega. O combate estelar desta velada ten nome propio: Enmanuel Reyes Pla, 'O profeta'. O bronce olímpico en París 2024, continúa agora o seu camiño como profesional tras dúas vitorias nos seus dous primeiros combates. Reyes afronta un reto de máximo nivel fronte ao venezolano Iván Matute, un veterano curtido en mil batallas con 32 vitorias en 75 combates internacionais. Matute, asentado en Córdoba, regresa ao mesmo escenario onde disputou o seu primeiro combate en España en agosto de 2016.
O segundo combate da noite tamén ten historia. Santiago Zanetti, o púxil uruguaio do equipo nacional establecido en Galicia, sobe por segunda vez á lona do Polideportivo das Petunias cun rexistro inmaculado de cinco vitorias e ningunha derrota. O seu alcume, El Resorte, define á perfección o seu estilo: explosivo, rápido e impredicible. O seu rival, o colombiano Victor Julio, chega con 18 vitorias e ampla experiencia internacional que converterán esta loita nun exame de validez para o galego de adopción,
Antes dos combates profesionais, a velada vivirá dous momentos de enorme intensidade na categoría neoprofesional, a modalidade que máis creceu no boxeo galego nos últimos anos e que a Federación Galega de Boxeo impulsou como laboratorio de futuros profesionais. Carla Rodríguez, do Kick Narón, defenderá o seu Cinto Galego nos -51 quilos femininos ante Andrea, do Club de Loita de Noia. Ambas son dúas das mellores representantes do boxeo feminino galego en activo, cunha rivalidade que xa leva varios capítulos escritos sobre o ring. Na outra lide neoprofesional, Carlos 'La Sensación' García, do Egeo Croos Boxing, medirá forzas con 'La Metralleta' Adrián Conde, do Luciano Team, polo Cinto do peso medio. Dous pegadores en serie, rápidos e potentes, que farán que o público non poida apartar os ollos do cuadrilátero.
O boxeo en Galicia non é só un deporte de competición. É tamén unha ferramenta de saúde física e mental que atrae persoas de todos os ámbitos. Un exemplo significativo é o do actor coruñés Martiño Rivas, que exercerá de comentarista na retransmisión da TVG, reforzando a narración de Sevi Martínez. Rivas confesou publicamente a súa paixón polo boxeo: “Bernardo Bertolucci dixo unha vez que as películas eran como os pementos de Padrón, que uns pican e outros non. E a min o boxeo picoume”. De feito adéstrase con regularidade e comparte a súa evolución nas redes sociais.