div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O actor Adrián Castiñeiras e a cantante Pili Pampín falan en 'Malas pécoras' do ligue online e da menopausa sen tabús

Abordaranse tamén xogos divertidos, o pracer no matrimonio e a matrona Silvia Álvaro resolverá todas as dúbidas sobre a calidade de vida e o sexo na menopausa

csag.gal 05/02/2026 00:01

Santiago, 5.2.2026.-  ‘Malas pécoras’ arrinca cun dato contundente: en España hai máis de 9 millóns de mulleres en idade menopáusica, unha etapa que segue a vivirse en silencio malia o seu impacto na saúde, no desexo e nas relacións. María Mera e Eva Iglesias poñen o foco nunha realidade pouco visibilizada e na necesidade de falar dela sen filtros, este xoves ás 22:40 h na TVG. 

A actualidade da semana trae curiosidades sobre o pracer feminino e alertas sobre as estafas sentimentais nas redes e nas aplicacións de citas. Abórdase o fenómeno da 'estafamor', as novas formas de ligar, a fidelidade e as relacións dixitais, cun público que participa activamente con opinións, experiencias e moita retranca. As presentadoras compartirán sobre estes temas hoxe co actor Adrián Castiñeiras e a cantante Pili Pampín.

Adrián Castiñeiras compartirá as súas técnicas de ligue e sedución e analizará o perfil do ‘home perfecto’ a partir do seu papel nunha serie en que interpreta un estafador emocional. Fóra da ficción, deixa claro que a clave non está na perfección, senón no amor propio: quererse a un mesmo é o primeiro paso para construír relacións saudables e reais.

Pola súa parte, Pili Pampín reivindicará a experiencia e a tranquilidade tras máis de dúas décadas de matrimonio. Fala sen filtros do paso do tempo, do sexo, de como mudou a arte da conquista nos últimos anos e de como cambian as prioridades, defendendo a liberdade de dicir as cousas claras nesta etapa da vida.

A parte máis necesaria chegará da man da matrona Silvia Álvaro, que explicará a menopausa coma un proceso e non un momento puntual. Detalla síntomas habituais, fala de perimenopausa, prevención, hábitos saudables e da importancia de pedir axuda a tempo. Aborda tamén os cambios no desexo sexual, a comunicación en parella e as posibles solucións ante a sintomatoloxía, incluída a suplementación hormonal cando é recomendable, baixo supervisión médica.

O programa despedirase cun xogo final que promete gargalladas e pique xeracional: ‘Eu sei máis da chavalada’, unha proba chea de emoticonas, ‘palabros’ e códigos emocionais e dixitais que retará a Pili Pampín e a Rosa, do público, a demostrar quen entende mellor como pensa, fala e liga a xente nova. 

Un peche divertido e inesperado para demostrar que, ademais de falar claro de amor, sexo e menopausa, tamén hai espazo para aprender e rir. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade