Noite especial de humor na TVG, cunha dobre entrega do universo 'Land Rober + Show' - CSAG
Noite especial de humor na TVG, cunha dobre entrega do universo 'Land Rober + Show'
O programa recibirá hoxe toda unha lenda dos anos 90 do mundo da música e da televisión

Santiago, 3.2.2026.- A TVG propón este martes unha noite moi especial co humor como gran protagonista grazas a unha programación dobre do universo ‘Land Rober’, con Roberto Vilar como mestre de cerimonias.
Na primeira emisión da noite, ‘O domingo por Rober... abandónasme’ (21:40 h), o espazo da Galega achegará unha escolma de sketchs cheos do humor máis característico do Land Rober. A actualidade internacional servirá de inspiración para algunhas das pezas, como unha parodia arredor das polémicas de Donald Trump e Groenlandia; tamén haberá tempo para rir das situacións máis surrealistas que se viven no ámbito sanitario, nun divertido número ambientado nun hospital.
Non faltarán tampouco personaxes tan populares como Dosinda ou Chita, á fronte de novas leas: unha delas intentando poñer orde nunha cafetería dun aeroporto e a outra resistíndose con uñas e dentes a entrar no mundo do teléfono móbil. Ademais, o programa levará ao extremo, en clave de comedia, a obsesión actual polos contrasinais e a seguridade dixital, demostrando que hoxe en día parece que fan falta claves ata para mercar o pan.
Unha segunda entrega cunha convidada de luxo
A continuación chegará un novo programa do ‘Land Rober + Show’ (22:45 h), que contará coa presenza dunha convidada moi especial: toda unha lenda dos anos 90 no mundo da música e da televisión, que se someterá ás ocorrencias e probas máis divertidas do equipo.
Nesta segunda parte, Xurxo Carreño amosará algúns dos mellores trucos virais para facer fronte aos días de choiva e, na sección de ficción, Roberto Vilar e Eva Iglesias protagonizarán un sketch sobre o uso da baliza V16 na furgoneta dunha panadeira, cun resultado cheo de humor e retranca. Dúas entregas do ‘Land Rober + Show’ para gozar dunha noite completa de gargalladas na Televisión de Galicia.