Na súa ruta pola provincia de Lugo, o xinete de 'Domar o vento' coñecerá historias de esforzo e superación ligadas á terra e ao mar - CSAG
Na súa ruta pola provincia de Lugo, o xinete de 'Domar o vento' coñecerá historias de esforzo e superación ligadas á terra e ao mar
Adrián Martíns coñecerá a pioneira das fabas de Lourenzá e unha expercebeira de Rinlo que aínda segue a soñar coa súa vida entre as ondas

Santiago, 28.07.2026.- Nunha nova entrega do programa ‘Domar o vento’ (22:10 h), o xinete Adrián Martíns continúa hoxe a súa travesía a cabalo por Galicia sen tecnoloxía nin cartos, vivindo do que o camiño lle ofrece. Unha aventura real chea de encontros humanos, natureza e historias do rural.
Adrián emprenderá nesta ocasión unha ruta pola provincia de Lugo, e comezará o día cortando o pelo en Lourenzá, no salón de peiteados de Remei, á que acompañará en varias tarefas do día a día, un encontro sinxelo que lle permitirá achegarse á vida cotiá desta localidade lucense antes de retomar o camiño.
A ruta continuará cara a Santo Tomé, onde coñecerá a Teresa, pioneira das fabas de Lourenzá e unha das persoas que máis traballou por manter viva esta tradición agrícola. A pesar dos seus anos, continúa dedicada ao cultivo das fabas e recibirá a Adrián para amosarlle de preto o seu traballo e a súa forma de vida. Durante o encontro, Teresa compartirá historias de esforzo e superación marcadas por toda unha vida ligada á terra, converténdose nun exemplo de constancia e paixón polo rural.
A continuación, o protagonista enfrontarase a un complexo paso de río en plena natureza que porá a proba o avance da etapa. Esta rematará na costa de Rinlo, onde se atopará con Carmen, unha expercebeira cunha vida enteira dedicada ao mar, que compartirá con Adrián os momentos máis duros do oficio, incluído o grave accidente que estivo a piques de custarlle a vida e que a obrigou a deixar o traballo. A pesar do tempo e da dureza vivida, Carmen segue soñando co mar e bota de menos a súa vida entre as ondas.