div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Grande estrea en Lisboa da longametraxe 'Revolução sem sangue', apoiada pola TVG

Fernando Ojea, director de Contidos da CRTVG, e Montse Besada, xefa de Contidos da canle, asistiron á gala de presentación da cinta, que será emitida por TVG

‘Revolución sen sangue’ é un proxecto de Producións A Fonsagrada en coprodución coa lusa Station Ware, enmarcado na liña de colaboración sostida coa RTP, a televisión pública de Portugal

crtvg.gal 11/04/2024 16:00

Santiago, 11.04.2024.-    A CRTVG segue a estreitar liñas de traballo co audiovisual portugués. Este mércores tivo lugar en Lisboa a preeestrea de ‘Revolução sem sangue’, a primeira longametraxe do director Rui Pedro Sousa e coprodución luso-galega que chega esta semana aos cines de Portugal e será emitida, proximamente, pola Televisión de Galicia. ‘Revolução sem sangue’ está inspirada en feitos reais acontecidos durante a revolución portuguesa do 25 de abril de 1974 e documenta desde a ficción un momento crucial na historia política e social non só de Portugal, senón tamén na nosa propia.

En representación da Corporación, á gala asistiron Fernando Ojea, director de Contidos da CRTVG, e Montse Besada, xefa de Contidos da canle, nunha cita que reuniu unha gran representación do sector audiovisual de Portugal, co que os medios públicos galegos manteñen unha colaboración asentada e crecente, tanto no eido institucional como no da produción de contidos.

Trátase dun proxecto da galega Producións A Fonsagrada en coprodución con Station Ware, que se enmarca na liña de colaboración coa RTP. Conta ademais co apoio do ICA portugués e a distribución de Filmax e mais a portuguesa Cinemundo.

O filme posúe unha forte carga emocional e humana, e pretende homenaxear os mortos da revolución a través dunha viaxe de descuberta en que os espectadores se farán conscientes da importancia deste momento clave na historia do país veciño.

Televisión de Galicia anunciou en xaneiro deste 2024 o seu apoio a este proxecto cinematográfico nunha resolución da súa Comisión Directiva de Avaliación de Proxectos de Apoio á Produción Cinematográfica, dando cumprimento á resolución da Dirección Xeral da Corporación relativa á presentación de proxectos audiovisuais de interese, no marco do coñecido como apoio do 6 %. 

Apoio ao cine e á coprodución de contidos con Portugal

A CRTVG mantén un apoio sostido a proxectos cinematográficos en galego e propicia a súa competitividade non só a escala nacional, senón tamén no mercado internacional. Este investimento en cultura, e particularmente no cine e a promoción da lingua e a ficción galega, é un labor continuo que se plasma en convocatorias anuais de proxectos, na participación directa nas producións ou ben na adquisición de dereitos. Favorécese así o sostemento dun sector audiovisual en Galicia en que a Corporación desenvolve un papel clave desde os seus inicios.

A colaboración coa RTP e o apoio a coproducións dos dous países veciños é unha constante e como resultado deste labor pódense citar títulos de producións como ‘Auga Seca’, ‘O corpo aberto’, ‘Motel Valkirias’, ‘Vidago Palace’ ou o documental ‘Galegos d’Ouro’, entre outras destes últimos anos, ademais de programas de entretemento como as distintas edicións de ‘Aquí Portugal’.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade