Fernando R. Ojea, novo secretario xeral da FORTA - CSAG
Fernando R. Ojea, novo secretario xeral da FORTA
O exdirector de Contidos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia foi elixido por unanimidade polos organismos autonómicos de radiotelevisión

Santiago, 18.09.2025.- O xornalista Fernando R. Ojea, director de Contidos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) ata o pasado mes de xullo, foi elixido este mediodía en Madrid como novo secretario xeral da FORTA, a Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos, en substitución de Enrique Laucirica.
A xunta xeral de FORTA, integrada polas direccións xerais dos doce organismos autonómicos, adoptou a decisión por unanimidade. Na actualidade, Ojea é tamén secretario xeral de CIRCOM Regional, a asociación europea que agrupa os medios públicos rexionais de 30 países, e membro do Comité Asesor do Observatorio Audiovisual Europeo.
Ata hai apenas unhas semanas, desempeñou o cargo de director de Contidos da CSAG, onde previamente fora director de Proxección Social. A súa traxectoria profesional abrangue tamén a prensa escrita: foi director do Atlántico Diario, en Vigo, e redactor xefe de Economía en La Voz de Galicia, na Coruña. É licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e conta cun Diploma de Estudos Avanzados en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña.
Nas súas primeiras declaracións tras o nomeamento, Fernando R. Ojea subliñou: “asumo con ilusión esta nova responsabilidade en FORTA, que é o punto de encontro de doce medios autonómicos que representan coma ninguén os valores da proximidade ao cidadán e a diversidade territorial do noso sistema público de comunicación. O meu obxectivo será recoller o legado de Enrique Laucirica e, desde a experiencia acumulada, contribuír na medida do posible á eficiencia e calidade dos medios pertencentes á FORTA, así como á súa proxección conxunta dentro e fóra de España”.