Este xoves a Radio Galega retransmite desde Belgrado o Estrella Roja-Celta de Vigo da Europa League - CSAG
Este xoves a Radio Galega retransmite desde Belgrado o Estrella Roja-Celta de Vigo da Europa League
Os dous equipos aínda teñen opcións de entrar directamente nos oitavos de final, evitando a eliminatoria intermedia

Santiago, 27.01.2026.- O estadio Rajko Mitić de Belgrado acolle este xoves, as nove da noite, o último partido do Celta na primeira fase da Europa League. O partido ante o Estrella Roja preséntase como un dos máis esixentes da temporada. A Radio Galega iniciará a edición especial de ‘Galicia en goles’ ás oito do serán, baixo a dirección de Roberto Carlos Carballo e con Víctor López desprazado á capital serbia. Os adestradores Ramón Carnero e Xosé Valtierra, o árbitro Uxío Caamaño ‘Mr asubío’ e Gonzalo Alonso acompañando aos seareiros nas sedes das peñas completan o equipo de especialistas que estará en antena ata as doce da noite.
Os dous equipos chegan clasificados para os playoff que dan acceso aos oitavos de final, pero con obxectivos distintos sobre a táboa. O Estrella Roja, co seu público fervoroso e a tradición de intenso fútbol balcánico na casa, suma trece puntos, logo de encadear catro vitorias consecutivas. Os serbios construíron unha táboa de resultados sólida que lles pode dar capacidade para rematar entre os oito primeiros.
O Celta, baixo as ordes de Claudio Giráldez, encarou este tramo europeo cunha mestura de firmeza defensiva e eficacia arriba. A vitoria recente ante o Lille (2-1) confirmou a súa presenza na seguinte rolda da competición e mantén viva a utopía de entrar no Top-8 da fase. O choque promete intensidade física, estratexia táctica e, como non, rivalidade europea.
O Estrella Roja é un dos clubs históricos do fútbol balcánico e da antiga Iugoslavia, habituado a competicións europeas e con forte pegada no seu estadio de Belgrado. Nesta temporada 2025-26 chegou a disputar no verán a fase previa da Champions League. Combina xogadores experimentados con talento local e adoita exercer un xogo físico e directo, especialmente no seu estadio.
Ao Celta só unha vitoria lle daría a opción real de disputar a praza directa aos oitavos de final, xa que sen iso non sumaría o necesario para igualar aos 8 primeiros. Ademais de vencer, precisaríase que outros resultados lles sexan favorables. A combinación exacta é complexa e difícil, pero non imposible matematicamente. Nalgúns escenarios de empate a puntos, a diferenza de goles pode ser o factor decisivo para que o Celta quede por diante de rivais como Betis ou Porto.
O Estrella Roja-Celta poderase seguir a través da FM da Radio Galega e da plataforma AGalegaAudio.gal. Esta será a primeira emisión deportiva dunha semana que reserva para o sábado o Cultural Leonesa-Deportivo, desde o estadio Reino de León, na Segunda División. A derrota ante o Racing de Santander impediulle ao conxunto herculino acceder aos postos de ascenso directo, pero tampouco os seus rivais gañaron a pasada fin de semana.
O domingo, a Primeira estará presente desde o Coliseum co enfrontamento entre o Xetafe e o Celta. O equipo vigués ven de perder en Anoeta ante a Real Sociedad por 3-1, malia estar en superioridade numérica durante moitos minutos do xogo. Así e todo mantén a sétima praza e non perdeu distancia respecto ao Betis e ao Espanyol porque tampouco foron quen de sumar puntos.
AGalegaAudio.gal ofrecerá este sábado, de xeito íntegro, o partido da Liga ACB de baloncesto entre o Granada e o Breogán de Lugo, programado para as seis da tarde. O conxunto que prepara Luis Casimiro é claro favorito, xa que o rival andaluz ocupa a última praza na clasificación con só unha vitoria ao remate da primeira volta.