Emoción e tensión, esta noite, nunha nova gala de ‘Bailamos’, en que cobra protagonismo a xestión do ego - CSAG
Emoción e tensión, esta noite, nunha nova gala de ‘Bailamos’, en que cobra protagonismo a xestión do ego
O público poderá votar por primeira vez o seu favorito, mentres que Loli segue no punto de mira tras o seu 12 da semana pasada, e as discrepancias entre os concursantes comezan a facerse evidentes

Santiago, 28.3.2026.- A TVG ofrece este sábado unha nova entrega de ‘Bailamos’ (22:55 h), marcada polas consecuencias do acontecido na gala anterior. O programa afondará nos conflitos xurdidos entre os concursantes e porá o foco nun concepto que marcará toda a semana na academia: o ego.
Despois de conseguir un doce na gala anterior, Loli convértese nunha das protagonistas da semana. Non todos os compañeiros celebraron a súa puntuación e a tensión fíxose evidente na academia, especialmente tras un enfrontamento con Uxía que deixou ver as primeiras fendas na convivencia entre os participantes. A situación leva a dirección do programa a pedir a intervención de Jaime Pablo Díaz, que organizará unha dinámica grupal centrada na educación, o respecto e a humildade, para reflexionar sobre como o ego pode afectar a convivencia e o traballo en equipo.
A semana tamén estará marcada por momentos de tensión persoal. O programa activou o protocolo de abandono tras as dificultades vividas por un dos concursantes, que mesmo chegou a pensar en deixar a competición. Ao mesmo tempo, os participantes continuarán abríndose e compartindo aspectos das súas vidas persoais, nun ambiente en que o apoio emocional e o acompañamento cobran cada vez máis protagonismo.
A emoción tamén chegará da man das familias. Mattia recibirá unha sorpresa moi especial cando a súa nai lle envíe unha mensaxe con algo importante que dicirlle, nun momento que promete tocar a fibra do concursante italiano. Ademais, a historia persoal de Paco dará un novo xiro.
Na parte competitiva, farase evidente a evolución dalgúns participantes. Paco protagonizará un dos momentos destacados, ao conseguir por fin superar as baixas puntuacións das semanas anteriores, contaxiando coa súa enerxía tanto o público como os seus compañeiros. Ademais, algunhas actuacións sorprenderán coa presenza de disciplinas pouco habituais no programa, como a barra de pole dance.
Outra das grandes novidades da noite será a participación do público, que por primeira vez poderá votar durante o programa para elixir o seu concursante favorito e coñecer así quen conta co maior apoio da audiencia.
Así, pois, no ‘Bailamos’ deste sábado, a pista encherase de baile, emocións e tamén de tensión nunha gala en que cada actuación pode marcar o rumbo da competición.
