El Puma e Augusto César Lendoiro protagonizan esta noite de humor no 'Land Rober non para' - CSAG
El Puma e Augusto César Lendoiro protagonizan esta noite de humor no 'Land Rober non para'
Haberá entrevistas, xogos, música e divertidas historias tamén con Roberto Vilar, Eva Iglesias e Roi Méndez

Santiago, 9.7.2026.- A TVG ofrece este xoves unha nova entrega de ‘Land Rober non para’ (21:45 h), unha cita que reúne algúns dos momentos máis divertidos do programa presentado por Roberto Vilar.
Entre os protagonistas da velada estará o cantante venezolano José Luis Rodríguez El Puma, que compartirá confidencias con Roberto Vilar. O artista participará tamén nun divertido xogo de adiviñanzas musicais xunto con Eva Iglesias e, ademais, poderá degustar unha tortilla de patacas elaborada por Crispi, chef recoñecido por preparar unha das máis prestixiosas do mundo. A súa visita rematará coa interpretación do popular tema ‘Traicionera’, acompañado pola banda do programa.
O segundo convidado da noite é Augusto César Lendoiro, expresidente do Deportivo da Coruña, que repasará diferentes momentos da súa traxectoria ligada ao fútbol. Lendoiro participará, ademais, nun xogo en que deberá identificar coñecidos futbolistas a partir de distintas pistas.
Por último, a ficción achegará algunhas das situacións máis divertidas da noite, con historias interpretadas por Roberto Vilar, Eva Iglesias e Roi Méndez. Entre os diferentes sketchs, unha familia recibe a inesperada visita dun xeneral disposto a recrutar persoas para facer a mili, noutra historia varios equipos de investigadores competirán por resolver un misterioso caso acontecido en Riotorto, ou a situación dun cliente que intenta descubrir que aconteceu cos cartos desaparecidos da súa conta bancaria, e a circunstancia dun matrimonio que asiste a un taller de coches para que lle cambien a hora ao seu vehículo.