Concursos de Nadal, unha gran cea para Noiteboa e moita música acompañarán os galegos desde a TVG estas festas - CSAG
Concursos de Nadal, unha gran cea para Noiteboa e moita música acompañarán os galegos desde a TVG estas festas
Desde o luns 22 de decembro, Rodrigo Vázquez volve á Televisión de Galicia no concurso ‘Atrápame se podes’
O equipo de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ prepara ‘A Gran Cea’ para a Noiteboa, con María Mera e César Romero
Volve ‘Sala G’, con grandes nomes da música e talentos novos compartindo escenario na procura de ‘O mellor dúo da historia’
Unha ‘Gala de Fin de Ano’ con música dos 90, as badaladas desde O Obradoiro, e a cabalgata de Reis, e máis contidos, completan a proposta
A Radio Galega ofrecerá os especiais musicais ‘Fondos Reservados’ e ‘Saúde e rock and roll’, e un programa especial de ‘Seres’ o día 24

Santiago, 19.12.2025.- A retransmisión do sorteo da Lotaría de Nadal, o luns 22, dará comezo á programación especial de Nadal da Televisión de Galicia. Ás 08:30 h, e con Pablo Muñoz e Nuria Castro como presentadores, comezará un especial con ampla cobertura por toda Galicia na busca de posibles afortunados e puntos de directo no salón de lotarías en Madrid.
Ese mesmo luns chega á pantalla a gran novidade do Nadal. Rodrigo Vázquez volve á TVG e ponse á fronte dun dos concursos máis agardados da Galega, ‘Atrápame se podes’, nunhas edicións especiais de Nadal. O concurso terá como protagonistas caras coñecidas da canle, durante as semanas de Nadal e Fin de Ano, e contará cos máis pequenos da casa durante a semana de Reis.
Na Noiteboa, os espectadores da TVG pasarán a velada con ‘A Gran Cea’. María Mera e César Romero serán os anfitrións da noite, en que participarán os concursantes, os padriños e o xurado de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’.
Na tarde do 25 de decembro, máis entretemento da man do espazo ‘Nadal Challenge’, no que se buscará a casa coa mellor decoración das catro provincias galegas. Media ducia de vivendas competirán por recibir o premio do programa presentado por Cristina Andrade: un cheque de 1.000 euros. E pola noite comezará un experimento musical único: ‘Sala G. O mellor dúo da historia’, un espectáculo presentado por Arturo Fernández en que os grandes nomes da música compartirán escenario co talento galego actual. Serán tres programas especiais, o 25, o día de Aninovo e o 8 de xaneiro, con dúas semifinais e unha gran final e coa participación de seis parellas musicais en cada unha delas.
Para despedir 2025, a música dos 90 será protagonista na ‘Gala de Fin de Ano’ presentada por Xosé Ramón Gayoso e Aitana del Mar. Contará coa actuación de artistas destacados desa década como Marta Sánchez, Azúcar Moreno, Los Limones, OBK, Rebeca, La Década Prodigiosa e Los Manolos. Boris Izaguirre e Lalo Penelas, o ‘chapuzas’ do ‘Luar’, terán unha presenza destacada no programa. Esa noite, en directo e desde a praza do Obradoiro, a TVG retransmitirá as 12 badaladas coas que se lle dará a benvida ao 2026, da man de Eva Iglesias con outros tres acompañantes que se anunciarán nestes días.
Para o serán do 1 de xaneiro, resérvase o especial ‘Nada é para sempre’, que recompilará as actuacións musicais máis emblemáticas e curiosas dos 40 anos de historia da TVG. Coa narración de Kiko Novoa, a voz das mañás da Radio Galega, os espectadores verán artistas internacionais, nacionais e galegos, e escoitarán os temas máis coñecidos dos cantantes e grupos que máis triunfaron.
Na tarde do 5 de xaneiro, chegará a tradicional retransmisión da cabalgata de Reis, nesta ocasión desde as rúas da Coruña, nun programa que conectará tamén con outras cidades e vilas galegas. Esa noite e ao día seguinte, 6 de xaneiro, emitiranse no prime time senllas edicións especiais do reality show de baile ‘Bailamos Celebrity’, cos famosos dándoo todo na pista de baile e nunha festa en que só pode gañar unha parella.
Directos, música, humor, tradición, ilusión e solidariedade, na Radio Galega
A Radio Galega tamén prepara unha programación especial para acompañar a audiencia este Nadal, con directos, música, humor, tradición e moita ilusión. Como no caso da TVG, as propostas para estas datas comezarán co sorteo da Lotaría e incluirán un especial de ‘Fondos Reservados’ para a Noiteboa e outro titulado ‘Saúde e rock and roll’ para o día de Nadal, que permitirá lembrar e reivindicar o espírito natalicio dos grandes roqueiros de sempre.
Ademais, ‘Seres’, o programa da medianoite da Radio Galega, presentado por Rubén Riós, emitirá o día 24 unha edición especial realizada no comedor social da asociación Vida Digna, en Vigo, cun obxectivo claro: poñer o foco na compaña, na escoita e na dignidade, nunha noite en que ninguén debería sentirse só nin soa.
O 30 de decembro, a ficción sonora volverá ocupar un lugar destacado coa recuperación do radioteatro en ‘Galicia por Diante’. Xa o mércores 31, a RG despedirá o ano coa retransmisión en directo das badaladas desde o Obradoiro. Finalmente, o luns 5 de xaneiro, a emisora acompañará ás Súas Maxestades de Oriente na Cabalgata de Reis da Coruña.
Máis contidos para a cativada en Xabarin.gal
A plataforma dixital prepara estreas para este Nadal, con contidos de animación para toda a familia. A proposta especial arranca este venres coa estrea da serie ‘Os Bolechas cantan ao Nadal’, á que seguirán unha edición de Nadal das ‘Aventuras de Paddington’, ‘Betty Atómica’, ‘O abominable meniño das neves’ e ‘O neno e a besta’. A última semana do ano estará dedicada a Wallace e Gromit, cunha selección das súas curtametraxes máis emblemáticas e premiadas.