Combarro acolle novas citas de 'O amor está en Galicia', nunha edición definida polas confesións e as ganas de atopar o amor - CSAG
Combarro acolle novas citas de 'O amor está en Galicia', nunha edición definida polas confesións e as ganas de atopar o amor
Paco Lodeiro e Laura Boado presentan esta noite esta dobre entrega do programa (22:45 h), en que as catro parellas buscan ilusionarse e novas oportunidades

Santiago, 13.5.2026.- A TVG achega un mércores máis unha dobre entrega de ‘O amor está en Galicia’, hoxe desde Combarro, unha das vilas mariñeiras máis emblemáticas de Galicia. Entre hórreos, rúas empedradas, porto e ría, Paco Lodeiro e Laura Boado acompañarán oito solteiros e solteiras en catro novas citas a cegas en que non faltarán as confidencias, os nervios, confesións inesperadas, segundas oportunidades, moito sentido do humor e ganas de descubrir se pode prender algo.
Na primeira entrega, Marta Vázquez Viéitez, de Vigo, volverá apostar polo amor tras unha primeira experiencia no programa. Celadora no Hospital Álvaro Cunqueiro, coñecerá a Nacho Chapela, de Moaña, cantante de orquestra prexubilado e tenor afeccionado á calistenia, que chega disposto a atopar unha muller auténtica coa que compartir moito máis ca unha simple cita. Tamén regresarán ao programa María Alonso, de Soutomaior, e Joaquín Gabriel Arenas Roca, da Coruña. El, coñecido polo seu carácter desenfadado e por unhas declaracións que se fixeron virais, intentará demostrar que tamén sabe conquistar desde a conversa, o baile e a complicidade. Ela, pola súa banda, ten claro que busca unha relación seria e alguén con quen compartir o día a día.
Na segunda entrega da noite, Combarro volverá converterse no escenario perfecto para novas historias. Manuel González Ventoso, mariñeiro de Vilanova de Arousa, regresa ao dating show tras unha experiencia anterior que non acabou de callar. Nesta ocasión coñecerá a Laura Santiago Arosa, estudante de Márketing e Publicidade de Marín, amante dos plans improvisados, da condución e da sinceridade por riba de todo. A última cita da noite estará protagonizada por Dorindo Pérez Hernández, camareiro de Narón, apaixonado das conversas profundas, da música, dos paxaros e dos xogos de rol, e Brenda Durán Casais, de Cangas, que leva anos solteira e busca un home romántico, atento e sen medias verdades.
Ademais das citas, a Cabina dos Amores volverá recoller mensaxes, peticións e confesións dos veciños e veciñas, mentres Paco e Laura poñen a retranca e o humor a unha noite en que ata os hórreos parecen pendentes de descubrir se prende ou non prende. Este mércores, despois de ‘Land Rober + Show’, Combarro convértese no escenario dunha dobre entrega de ‘O amor está en Galicia’. Catro citas, oito solteiros e solteiras e unha pregunta no aire: haberá tema en Poio?
