div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Chega a noite decisiva da verbena galega: este sábado nace 'A orquestra perfecta'

Artistas da Panorama, París de Noia, Satélites, Olympus, Combo Dominicano e outras grandes formacións compiten por un posto nunha banda que nunca antes tocou xunta

A gran final reúne as mellores voces, músicos e bailaríns da temporada nunha noite de actuacións, emoción e decisións que poden traer cola

csag.gal 26/09/2026 00:01

Santiago, 26.09.2026.-  Se puidesen escoller un músico desta orquestra, unha voz daquela e os bailaríns doutra… que pasaría? Este sábado, ‘A orquestra perfecta’ (22:35 h) fará realidade esa fantasía de calquera amante da verbena galega. Despois de reunir sobre o seu escenario once das mellores orquestras de Galicia e máis de douscentos artistas, o programa chega á gran final para formar unha banda única: oito cantantes, catro bailaríns e trece músicos escollidos entre as grandes formacións do país.

Non abonda con cantar ben. Os finalistas terán que demostrar por que merecen ese posto nunha orquestra que só pode ter unha diva, unha supervoz masculina, unha supervoz feminina, unha cantante clásica ou un animador. Cada actuación pode cambiar a composición definitiva da banda. E cada decisión do xurado deixará fóra alguén que tamén parecía imprescindible.

A final ofrecerá duelos de altura: Edgar Bao, da Olympus, fronte a Mario Álvarez, da Panorama; Davinia Fleitas, do Combo Dominicano, fronte a Marta Fernández, da Trébol; e Genma Lareo, da Olympus, fronte a Alba Navarro, da París de Noia, son só tres dos enfrontamentos dunha noite en que tamén haberá batallas de baile, retos inesperados e cancións que os candidatos deberán defender sen telas preparadas.

As familias acompañarán os finalistas nunha gala en que estarán presentes os directores das súas orquestras. Algúns verán como os seus artistas conseguen un posto na formación ideal. Outros terán algo que dicir sobre as decisións do xurado. E a última elección nin sequera estará nas súas mans: as comisións de festas presentes no público escollerán o animador entre Diego Moreira, da Panorama; Néstor Peña, de Origen; e Raúl Campo, da Marbella. Para gañar, deberán superar unha proba que coñece ben calquera comisión: lograr que a xente meta a man no peto para a festa.

Arturo Fernández conducirá esta gran final, que contará coa música de Kid Mount e culminará cun momento esperado desde o primeiro programa: ver por fin xuntos, no mesmo escenario, a todos os integrantes de ‘A orquestra perfecta’.

Este sábado, na Televisión de Galicia, a verbena fai historia. E máis dun director de orquestra vai mirar o escenario pensando: ‘Ese era meu’.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade