div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

AGalega.gal reforza a súa aposta polo cinema galego coa incorporación de 'Clac' e achega unha nova entrega de 'Terra de cómics'

A plataforma suma tamén estreas de cinema e continúa ofrecendo todas as novidades da grella da TVG

Tania F. Lombao é a presentadora de 'Clac'. Tania F. Lombao é a presentadora de 'Clac'.
csag.gal 03/11/2025 11:30

Santiago, 3.11.2025.-  AGalega.gal reforza esta semana a súa oferta de contidos con novas propostas que poñen en valor a creación galega e títulos de longametraxes destacadas, sen esquecer as estreas da grella da TVG. Entre as incorporacións máis relevantes están os espazos ‘Clac’ e ‘Terra de cómics’, dúas producións que consolidan a aposta da plataforma pola cultura, a divulgación e a ficción de calidade.

O luns 3 de novembro, a plataforma estrea un novo capítulo da serie documental ‘Terra de cómics’, que nesta ocasión viaxa ata O Grove para coñecer o traballo da artista Lucía Cid. No seu estudio, a creadora comparte o proceso creativo e as influencias que marcan a súa traxectoria dentro da banda deseñada galega, ligada ao xénero fantástico e de aventuras.

A media semana, o mércores 5, chega a AGalega.gal o programa ‘Clac’, un espazo de análise e debate arredor das obras fundamentais do cinema galego. Nesta primeira selección, o público poderá gozar de conversas sobre filmes de referencia como ‘O que arde’, ‘Os fenómenos’, ‘María Solinha’, ‘Eroski Paraíso’, ‘O apóstolo’, ‘A illa das mentiras’, ‘Cela 211’, ‘A esmorga’ e ‘O descoñecido’. A colección ampliarase con novas entregas nas próximas semanas.

Incorpóranse ao catálogo tres longametraxes

O cinema internacional tamén terá un peso destacado na programación da semana. O xoves 6, chega á plataforma ‘Adeus, señor Haffmann’, unha película que combina intriga e dilemas morais durante a ocupación alemá en París, protagonizada por Daniel Auteuil. O filme estará dispoñible durante 30 días. Ese mesmo día, engádese tamén un novo capítulo de ‘Bótalle azucre’.

O público poderá gozar o venres 7 de ‘O home do norte’, un épico relato de acción, vinganza e destino inspirado nas lendas nórdicas, dispoñible durante 7 días. E o sábado 8, completarase a semana coa estrea de ‘Un cabaré no campo’, unha comedia rural chea de humor, emoción e espírito comunitario, en que un mozo labrego decide salvar a granxa familiar montando un cabaré no medio do campo (dispoñible 30 días).

Xunto con estas novidades, AGalega.gal continuará ofrecendo todas as estreas da grella da TVG, entre elas o novo formato ‘Código 092: en primeira liña’ —dispoñible desde o luns 3— e o especial ‘Chegou o gran día dos mortos’, que poderá verse o sábado 8.


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade