div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

AGalega.gal estrea esta semana a microserie de humor negro 'Capitán Breomán' e a curtametraxe galega 'Escarabana'

A sección especial ‘40 anos da TVG: os programas da túa vida’ ampliarase con espazos da década comprendida entre 1995 e 2004

Ademais, chegará á plataforma dos medios públicos unha nova entrega de ‘Raíña-me’ e cinco novos capítulos de ‘Pais en apuros’

crtvg.gal 07/07/2025 13:20

Santiago, 07.07.2025.-    A plataforma AGalega.gal comeza a semana estreando este luns ‘Capitán Breomán’, unha microserie de humor negro e absurdo protagonizada por un excéntrico músico e exsuperheroe, Matthew Leslie, que, tras un fracaso, ten que retornar á súa identidade secreta de Capitán Breomán para salvar a cidade de Nova Brigantia e a si mesmo. 

O martes, a sección especial ‘40 anos da TVG: os programas da túa vida’, que recupera entregas dos espazos máis salientables da historia da canle pública, ampliarase con programas da década comprendida entre 1995 e 2004, período ao que pertencen contidos como ‘Senda Verde’, ‘Tal como somos’, ‘Hai que ver!’, ‘A Repanocha’, ‘Toda unha vida’, ‘Con Perdón’, ‘Chambo’, ‘Chunda Chunda’, ‘Comediantes’, ‘Vivir en Manhattan’, ‘Bravo polos Amigos’, ‘O Rei da Comedia’ e ‘Noite brava’. Tamén se incluirán emisións de ‘En Xogo’ e partidos de fútbol do Celta, o Deportivo e o Compostela. Ademais, mañá estrearase en AGalega.gal a sétima entrega do videopódcastSatélite Xabarín’, coa banda de indie ferrolá Blood Filloas.

Ao día seguinte, mércores 9, a novidade será a curtametraxe galega ‘Escarabana’. Dirixida por Sara Casasnovas, relata a fuxida dunha parella que vive ao límite, lidando coa fame e sen un verdadeiro fogar. Por medio deles, o espectador descubrirá un relato sobre os amores confusos, as pelexas e a natureza demoníaca que habita nos protagonistas.

E o xoves 10 de xullo chegará a AGalega.gal unha nova entrega do programa ‘Raíña-me’, que será protagonizado pola raíña do drag Marisa Prisa, que se transformará co apoio da súa amiga Alexa nunha nova versión de si mesma.

En canto á oferta cinematográfica, a carteleira da canle dixital dos medios públicos galegos ampliarase estes días cos filmes ‘Nadando en liberdade’ (martes 8), protagonizado por unha nena que se fai amiga dun peixe azul ao que lle chama Blueback e que estará dispoñible 30 días; ‘Houbo unha vez en América’ (xoves 10), sobre catro amigos xudeus que medran ata dominar a mafia na Nova York da Lei Seca, que se poderá ver durante unha semana; a gañadora de sete Óscars ‘Million Dollar Baby’ (venres 11), protagonizada por Clint Eastwood, Morgan Freeman e Hilary Swank, que se porá a disposición durante 30 días, e ‘As pequenas vitorias’ (sábado 12), sobre un home xubilado que decide asistir á escola para aprender a ler, dispoñible tamén durante un mes.

A semana rematará coa publicación, o domingo, de cinco novos capítulos do programa ‘Pais en apuros’, un formato presentado por María Mera que pretende darlles resposta ás dúbidas dos pais e nais de Galicia dun xeito didáctico e divertido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade