A TVG retransmite este sábado o partido de ida da final de ascenso entre a Ponferradina e o Celta Fortuna - CSAG
A TVG retransmite este sábado o partido de ida da final de ascenso entre a Ponferradina e o Celta Fortuna
A G2 e AGalega.gal programan durante a fin de semana outras eliminatorias decisivas: Liceo-Barcelona, de hóckey, e Compostela-Badalona, na promoción á Segunda RFEF

Santiago, 12.6.2026.- As retransmisións deportivas da fin de semana comezan na noite do venres na programación deportiva da G2 e na plataforma AGalega.gal. Ás oito e cuarto da tarde, os espectadores poderán ver en acción os xogadores do Liceo e do Igualada na primeira entrega da final do campionato de liga. O Liceo chega como o mellor equipo da temporada, tras liderar a fase regular con 60 puntos -empatado co F. C. Barcelona, pero con mellor diferenza de goles- e afrontou as semifinais co factor pista en todo momento. Fronte ao Calafell gañou a eliminatoria en catro partidos (3-1), cunha vitoria decisiva no pavillón Joan Ortoll por 3-4 que dependeu dun gol do capitán Dava Torres a pouco máis dun minuto do final. O Igualada, mentres, superou o Barcelona no desempate disputado o martes en Blanes a non ter dispoñible o Palau o conxunto azulgrá.
O sábado o protagonismo é para o Celta Fortuna, que xoga a ida do ascenso á Segunda División no Toralín ante a Ponferradina. A emisión chegará a través da primeira canle da Televisión de Galicia. O filial celeste, segundo clasificado no grupo 1 da Primeira RFEF, chegou á final tras eliminar ao CE Europa nunha eliminatoria que precisou de prórroga (3-2 en Balaídos). Na liga regular, o Fortuna demostrou a súa superioridade sobre a Ponferradina, con vitoria (2-0) en Balaídos e empate sen goles no Toralín.
A Ponferradina, pola súa banda, accedeu á final despois de superar ao Atlético Madrileño cun gol de Keita no minuto 8 do partido de volta. O conxunto berciano, que leva tres anos fóra do fútbol profesional, afronta a final con ilusión pero sabendo que non puido vencer o Fortuna en ningún dos dous enfrontamentos da liga regular.
Xa o domingo, as mellores tripulacións do remo de banco fixo en España concéntranse en Meira, na ría de Vigo, para disputar o Campionato de España de Traiñeiras a partir das doce do mediodía, coas cámaras da G2 e de AGalega.gal en directo. A cita tiña prevista inicialmente a súa celebración en Baiona, pero finalmente a Federación Española de Remo elixiu a Meira (Moaña) como sede definitiva. O remo de banco fixo é un dos deportes con maior arraigamento na cultura marítima galega e o campionato estatal reúne ás mellores embarcacións dunha disciplina na que os clubs galegos teñen presenza e protagonismo tradicionais.
Pola tarde, ás seis e tamén a través da segunda canle da TVG e de AGalega.gal, a S. D. Compostela disputa a final do playoff de ascenso á Segunda RFEF tras superar o Atlético Arteixo nunha eliminatoria de infarto. Os composteláns, que chegaron ao partido de volta coa desvantaxe dunha derrota por 2-1 na ida, deron a volta ao marcador en San Lázaro (2-1) para forzar a prórroga e pasar pola mellor clasificación ligueira nun choque que terminou 3-3 no global.
O rival é o C. F. Badalona, que chegou a esta fase tras una remonta histórica, xa que perdeu 4-1 na ida ante o Cornellá e logrou superar a rolda cun 3-0 na volta, facendo valer a súa mellor clasificación na liga regular.
Despois do fútbol, o deporte continuará na G2 e na OTT coa retransmisión desde o Palacio dos Deportes de Riazor do segundo encontro da final da liga de hóckey sobre patíns entre o Liceo e o Igualada.
