A TVG estrea 'Bailamos', un novo gran formato de baile e 'reality' para as noites dos sábados - CSAG
A TVG estrea 'Bailamos', un novo gran formato de baile e 'reality' para as noites dos sábados
Na primeira entrega, 16 aspirantes loitarán polas 12 prazas do concurso, que mesturará espectáculo, convivencia e historias persoais
Arturo Fernández presenta esta edición do programa, con Javier Castillo ‘Poty’, Tania Zapata e Jaime Pablo Díaz no xurado

Santiago, 18.02.2026.- Televisión de Galicia estrea este sábado (día 21, 22:00 h) un novo gran formato de baile e reality, o concurso ‘Bailamos’, conducido polo comunicador Arturo Fernández. 12 concursantes loitarán por un premio de 10.000 euros nunha competición coa emoción, o esforzo e a superación como verdadeiros protagonistas.
Tras o éxito da edición celebrity, en que famosos galegos o deron todo na pista de baile, ‘Bailamos’ regresa para descubrir os talentos máis descoñecidos de Galicia, en 13 entregas. No primeiro programa, 16 aspirantes enfrontaranse ao reto de conseguir unha das 12 prazas definitivas. Entre eles haberá perfís moi diversos, desde bailaríns de orquestra, un militar, unha ‘raíña da comedia’ ou un recente pai, que chegan con distintos niveis técnicos.
O coreógrafo e estrela televisiva Javier Castillo ‘Poty’; a bailarina e coreógrafa da orquestra Panorama Tania Zapata, e o director da compañía Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, compoñen o xurado e serán os encargados de avaliar cada gala, nas que os concursantes recrearán actuacións en seis estilos musicais: verbena, folk, sexy, bandas sonoras, revival das cancións da nosa vida e ‘nivelazo’, coas coreografías máis esixentes. Ademais, os profesores David Freire, Iria Veiga e Raúl Rodríguez cobrarán un especial protagonismo e exercerán de contrapunto dramático ao xurado, defendendo o seu equipo sen filtros e elevando a tensión no estudio de gravación.
‘Bailamos’ é tamén un programa de historias. O público descubrirá o lado máis humano dos concursantes: os seus medos, as súas emocións, a súa evolución e mesmo os lazos que se establezan entre eles. Así pois, todo está listo na TVG para conquistar a pista de baile e facer vibrar os espectadores nunha temporada que promete ser inesquecible.
