A TVG consolida o seu liderado en Galicia en 2025 - CSAG
A TVG consolida o seu liderado en Galicia en 2025
Cun 19,6% de cota de luns a venres, a Galega sitúase 5 puntos por riba do seguinte competidor, La1 (14,6%)
A TVG lidera en Galicia nas franxas horarias de maior consumo e reforza a súa posición como referencia entre as canles autonómicas do Estado en 2025
A Radio Galega segue sendo a emisora pública máis escoitada de Galicia e chega a 107.000 oíntes nesta onda do EXM, duplicando sobradamente a audiencia de RNE en Galicia (45.000)
Radio Galega Música crece en 6.000 oíntes, e sobe ata os 35.000 no conxunto da semana
Radio Galega é a emisora con maior índice de Fidelidade dos oíntes, tanto de luns a domingo como de luns a venres

Santiago, 10.12.2025.- A Televisión de Galicia é a canle máis vista en Galicia segundo a 3ª onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) coñecida este mércores. A Galega consolida o seu liderado absoluto no ámbito audiovisual galego e remata 2025 igual que o iniciou, tras liderar nas tres ondas do EXM anuais.
A Galega acada un 19,6% de cota de luns a venres, superando en 5 puntos o seguinte competidor, La1 (14,6%).
A TVG lidera o global do día e tamén nas franxas de maior consumo. Na mañá, entre as 08:00 e as 13:30 h, TVG alcanza unha cota do 17,2%. Na sobremesa (entre as 13:30 e as 17:00 h), a franxa de máis peso informativo con ‘Galicia Noticias’ e o ‘Telexornal Mediodía’, o liderado amplíase cun 27,8%. Pola noite, entre as 20:00 e as 04:00 horas, na franxa do ‘Telexornal Serán’ e do prime time, a TVG obtén un 15,1%, superando todos os competidores públicos e privados.
Por días da semana, cómpre salientar as audiencias dos luns, 22,2%, os martes, cun 24,3%, e os xoves, cun 20,8%. No contexto estatal das canles autonómicas, a TVG lidera tamén o ano, superando en 6,2 puntos a seguinte canle.
Radio Galega, a emisora pública de referencia en Galicia
A terceira onda do ano do Estudo Xeral de Medios (EXM) sitúa a Radio Galega como emisora pública de referencia en Galicia unha vez máis. O conxunto das emisoras de radio da CSAG, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, acada 140.000 oíntes de luns a venres nesta terceira onda do EXM. Estes datos reflicten un incremento con respecto ao ano anterior do 6%.
Segundo o EXM, a Radio Galega é a emisora pública máis escoitada en Galicia, con 107.000 oíntes de luns a venres, duplicando de forma ampla a audiencia de RNE, a outra emisora pública que emite na comunidade (45.000 de luns a venres).
Pola súa parte, Radio Galega Música acadou 33.000 oíntes de luns a venres (+ 2.000) e 35.000 de luns a domingo (+ 6.000).
Radio Galega é a emisora con maior índice de Fidelidade dos oíntes. Conta co maior número de minutos consumidos por oínte e día en Galicia, tanto de luns a domingo (165 minutos) coma de luns a venres (190).
A cidadanía galega apoia a oferta informativa e de entretemento da súa canle pública, renovada nesta temporada de outono e coa que se consolida o modelo de servizo público da CSAG, e o seu compromiso coa lingua, a cultura e a identidade de Galicia. Un modelo de servizo público artellado arredor dos contidos de televisión, radio e as tres plataformas dixitais: AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarín.gal.
