A serie 'Serramoura' da TVG dá o salto a novos mercados internacionais, cun acordo de emisión en canles dos Balcáns - CSAG
A serie 'Serramoura' da TVG dá o salto a novos mercados internacionais, cun acordo de emisión en canles dos Balcáns
Gañadora durante catro anos consecutivos do Premio Mestre Mateo á Mellor Serie de Televisión, ‘Serramoura’ xa foi emitida anteriormente en Rusia e nos Estados Unidos
As once temporadas completas están dispoñibles en AGalega.gal, a plataforma dixital da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia

Santiago, 17.10.2025.- ‘Serramoura’, unha das series más exitosas e emblemáticas da Televisión de Galicia, continúa a súa expansión internacional e chegará ás televisións dos países dos Balcáns grazas a un acordo de distribución internacional.
A produción, un thriller de suspense policial producido por Voz Audiovisual para a TVG, emitiuse na canle pública entre 2014 e 2020 con grande éxito. As súas once temporadas completas están dispoñibles en AGalega.gal, a plataforma dixital da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG). Ambientada nunha vila galega dedicada á madeira, a serie combina natureza, vida cotiá e tradición cun lado oculto de segredos e conflitos entre dúas familias polo control do negocio madeireiro.
A distribución na rexión balcánica será xestionada por DEXIN, despois dun acordo alcanzado por The Mediapro Studio Distribution, responsable das vendas internacionais da ficción. Anteriormente a serie galega fora vendida e emitida en canles de Rusia e nos Estados Unidos, neste último baixo o título ‘Black Forest’.
Durante a súa emisión na TVG a serie foi líder de audiencia en numerosas ocasións e recibiu importantes recoñecementos: gañou durante catro anos consecutivos o Premio Mestre Mateo á Mellor Serie de Televisión e obtivo o Premio Apolo 2018 á Mellor Sintonía.
A CSAG segue a dar continuidade á súa estratexia de apoio ao sector audiovisual e desenvolve un intenso labor de internacionalización dos produtos galegos coas vendas a mercados estranxeiros das ficcións feitas en Galicia e por galegos.
