A 'Sala G' abre este domingo as súas portas para entregar os seus primeiros premios, nunha gala dedicada ás estrelas e ás lendas da verbena galega - CSAG
A 'Sala G' abre este domingo as súas portas para entregar os seus primeiros premios, nunha gala dedicada ás estrelas e ás lendas da verbena galega
Arturo Fernández conducirá un grande espectáculo musical que recoñecerá o talento e a traxectoria das figuras máis destacadas das orquestras, e que contará, entre outras, coas actuacións de Los Satélites, Pili Pampín e Miguel Torres

Santiago, 07.06.2026.- A Televisión de Galicia emite este sábado, 6 de xuño, unha edición moi especial da ‘Sala G’: a primeira gala dos Premios Sala G, un gran espectáculo musical que recoñecerá o talento, a traxectoria e o carisma das figuras máis destacadas da verbena galega.
Presentada por Arturo Fernández, a gala reunirá sobre o escenario cantantes, intérpretes, directores, animadores e animadoras das principais orquestras de Galicia, nunha noite de música en directo, emoción, humor e moita retranca. O programa nace coa vontade de poñer no lugar que merece un universo artístico que forma parte da memoria sentimental do país: as orquestras, as festas, os bailes de verán e esas cancións que xa son patrimonio colectivo.
Os Premios Sala G distinguirán categorías como artista revelación, mellor percorrido, director do ano, mellor voz masculina, mellor voz feminina, mellor animadora e mellor animador. Entre os finalistas figuran nomes como Polanco, Awa, Rocío Varela, Peke, Juan Carlos, Eric Hidalgo, Luis Rei, Néstor Peña, Alejandra Pais, Saray de Sousa, Genma Lareo, CrisLo, Tania Veiras, Laura Añón, César Romero, Diego Moreira e Noly, entre outros protagonistas da música de verbena.
Un dos momentos máis emotivos da noite será a entrega do premio ‘Toda unha vida’ a Pili Pampín e Miguel Torres, dúas figuras esenciais da música popular galega. A gala renderalles homenaxe cunha actuación moi especial en que ambos se reencontrarán musicalmente co seu propio pasado, cantando con imaxes de arquivo das súas carreiras.
O programa contará tamén coa participación das ‘defensoras da audiencia’, Carla Núñez e Victoria Laranja, que achegarán ollada crítica, humor e complicidade co público. E, como non podía faltar nunha noite de premios á galega, haberá tamén sorpresas, piques entre finalistas, reaccións dos rivais, retos de baile e a aparición de Fran Nogueira convertido nun particular Raphael, disposto a poñer a proba o saber estar das grandes estrelas da noite.
A gala incluirá ademais actuacións de Los Satélites, referencias ás grandes orquestras galegas e momentos de tensión divertida arredor de posibles fichaxes, rivalidades artísticas e bromas entre directores e cantantes. Será unha celebración que mesturará espectáculo, homenaxe e competición para reivindicar que a verbena galega é moito máis ca festa: é industria, memoria, emoción e cultura popular viva.