A Radio Galega retransmite o sábado e o luns os últimos partidos do ano do Breogán na ACB - CSAG
A Radio Galega retransmite o sábado e o luns os últimos partidos do ano do Breogán na ACB
O domingo, protagonismo para os derbis Baxi-Ensino e Obradoiro-Basquet Coruña

Santiago, 26.12.2025.- O 2025 remata con baloncesto na programación deportiva da Radio Galega e AGalegaAudio.gal. A última fin de semana reserva moitas emocións para os afeccionados ao deporte da canastra nas competicións da ACB e da Federación Española.
Os afeccionados do Breogán poderán gozar o sábado e o luns dos dous últimos encontros do seu equipo este ano na Liga ACB. O sábado, desde as 20:00 e ata as 00:00 h, o ‘Galicia en Goles’ prestaralle atención ao Olimpic de Badalona, onde o equipo de Luis Casimiro visita o Joventut. A vitoria ante o Bilbao achega os galegos á zona de corte para entrar nos playoff polo título, mentres os cataláns perderon o derbi ante o Barça, pero mateñen a sexta praza. Sen tempo para descansar, o Breogán volverá xogar na noite do luns, desta volta no Pazo, ante un rival de Euroliga, o Baskonia, que non acaba de arrancar na competición doméstica.
Xunto ao baloncesto tamén estará presente no ‘Galicia en Goles’ do sábado o derbi galego da Primeira División de fútbol sala entre o Noia e o Parrulo Ferrol. Os dous están facendo os deberes na primeira volta, deixando o descenso moi lonxe e pelexando agora polo obxectivo de entrar entre os oito mellores que disputan as eliminatorias finais da temporada.
O domingo, a partir das 12:00 h, Rodrigo Pérez Pardo despregará o equipo máis completo no pavillón da Malata para contar o derbi galego da Liga Endesa entre o Baxi Ferrol e o Ensino de Lugo. Na clasificación, o Ensino é o terceiro, a só dúas vitorias dos dous primeiros clasificados, e o Baxi ocupa a décima praza, con tres triunfos menos que as súas rivais. Así e todo, o equipo que prepara Lino López está acusando na liga regular o esforzo na Eurocup, onde gañou todos os encontros e está xa clasificado para os oitavos de final.
Ademais do Baxi-Ensino, compartirá protagonismo na edición matinal a visita do Ourense a Oviedo na Primeira Federación. Os dous van parellos na clasificación e o gañador podería asentarse na zona privilexiada que dá dereito a disputar os playoff de ascenso ao remate da competición. Outra das previsións da xornada levará os micrófonos da Radio Galega a Maceda, onde se disputa o Campionato Galego de Ciclocrós.
Xa pola tarde, a partir das 17:00 h, a segunda sesión do domingo estará centrada no Multiusos Fontes do Sar co segundo derbi galego da temporada na Primeira Federación. O Obradoiro, segundo clasificado, recibe o líder, o Básquet Coruña. A diferenza entre os dous é de dúas vitorias, polo que un triunfo coruñés significaría un golpe de autoridade para marcar diferenzas de cara ao ascenso directo á Liga ACB. No caso contrario igualaríase moito a competición de cara á segunda volta. A emisión prolongarase ata as 21:00 h para que os oíntes poidan escoitar as roldas de prensa dos dous adestradores e as entrevistas aos xogadores protagonistas.
#GaliciaEnXogo
O último espazo do ano 2025 que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo emitirase na noite do domingo. Ás 23:00 h, Rodrigo Pérez analizará no tempo do motor o calendario de rallys programado para o 2026. Logo, ás 23:30 h, Toni López entrevistará a Lola Ferro, campioa de España de ximnasia na categoría júnior.