A Radio Galega ofrece este xoves a retransmisión do Celta-Boloña da Europa League desde Balaídos - CSAG
A Radio Galega ofrece este xoves a retransmisión do Celta-Boloña da Europa League desde Balaídos
A partir das oito do serán a través da FM e de AGalegaAudio.gal

Santiago, 10.12.2025.- Chega a sexta xornada da Europa League e o Celta de Vigo afronta este xoves a antepenúltima xornada da primeira fase. O rival é o Boloña de Italia, que o pasado domingo empataba en Roma ante a Lazio na liga italiana situándose quinto na clasificación. Mentres, o Celta vai afrontar esta cita continental reforzado tras gañar a pasada xornada no Santiago Bernabéu ao Real Madrid por 0-2.
A Radio Galega ten preparada para este encontro unha ampla despregadura, que comezará ás oito do serán cunha edición de ‘Galicia en goles’ dirixida por Roberto Carlos Carballo. Víctor López encargarase da narración do xogo, reforzada cos comentarios dos adestradores Xosé Ramón Valtierra e Moncho Carnero. Mentres, Gonzalo Alonso moverase co micrófono sen fíos mesmo fóra do estadio para pulsar o ambiente da afección antes e despois e o colexiado Mr Asubío será quen avalíe o traballo do cuarteto arbitral e dos integrantes do VAR designados pola UEFA para aplicar o regulamento. A emisión pola FM e por AGalegaAudio.gal prolongarase ata as doce da noite, para que os oíntes poidan escoitar a conferencia de prensa do adestrador Claudio Giráldez e a entrevista persoal ao mellor xogador sobre o terreo de xogo.
A Europa League entra na recta final e a igualdade é máxima para ocupar os oito primeiros postos, que conducen directamente á seguinte fase sen ter que pasar polo play-off. Os olívicos están décimos con nove puntos e se cadra podería abondar con sumar os puntos da casa, ante o Boloña o xoves e no mes de xaneiro fronte ao Lille. O rival italiano ocupa o posto décimo oitavo, pero a diferenza é de só un punto respecto ao cadro galego.
O Celta-Boloña abrirá o xoves o calendario semanal de retransmisións deportivas na Radio Galega. O sábado a atención estará posta no fútbol da Primeira Federación con tres partidos: Ponferradina-Arenteiro, Osasuna B-Lugo e Ourense CF-Barakaldo. O baloncesto tamén estará presente desde o Pazo de Lugo co Breogán-Tenerife. O domingo será un día especial, con encontro na sobremesa xa que o Deportivo recibe ás dúas da tarde ao filial da Real Sociedad en Riazor. A continuación chegará desde Balaídos o Celta de Vigo-Athlétic de Bilbao.