A Radio Galega e AGalegaAudio.gal dedican esta fin de semana amplas despregaduras aos partidos Atlético de Madrid-Celta e Cádiz-Deportivo - CSAG
A Radio Galega e AGalegaAudio.gal dedican esta fin de semana amplas despregaduras aos partidos Atlético de Madrid-Celta e Cádiz-Deportivo
O programa ‘Galicia en Goles’ prepara unha cobertura especial polo ascenso do Obradoiro ou do Básquet Coruña á Liga ACB

Santiago, 07.05.2026.- A primeira edición do ‘Galicia en Goles’ desta fin de semana chega xa o venres, ás 19:30 h, con dous partidos de primeiro nivel. O Deportivo da Coruña, terceiro clasificado con 68 puntos, visita o Cádiz C. F., que ocupa o posto 18 e que inicia a xornada como o equipo que marca a salvación, con tres puntos de marxe sobre o descenso. Javi Torres encargarase da narración dos 90 minutos, cos comentarios do ex-xogador Xosé Manuel Traba e o micrófono sen fíos de Fernando Romero de Paz vivindo a cita cos seareiros da peña Chaflán, unha das clásicas do deportivismo.
Por outro lado, a Radio Galega estará no Multiúsos Fontes do Sar, que vivirá unha das noites máis importantes da súa historia recente. O Monbus Obradoiro, líder da clasificación da Primeira FEB con 25 vitorias e 3 derrotas, recibe o Gipuzkoa Basket coa posibilidade de certificar o ascenso directo á Liga ACB neste mesmo partido. Se os santiagueses gañan, regresan á máxima categoría do baloncesto español tras dous anos de ausencia. Se non o fan, o Básquet Coruña ascendería directamente e o Obradoiro tería que xogar os playoff.
O ‘Galicia en Goles’ do sábado principiará ás 14:15 h cunha extensa cobertura deportiva que se prolongará ata a medianoite. O gran partido do sábado chega desde o Metropolitano, onde o Atlético de Madrid recibe o Celta de Vigo con moito en xogo para os celestes na súa carreira por volver competir en Europa. Víctor López desprazarase ata a capital de España para trasladar a emoción do fútbol aos seareiros, reforzado pola análise dos adestradores Moncho Carnero e Xosé Ramón Valtierra.
Durante a tarde, o programa estará en Pasarón co Pontevedra-Athlétic B de Primeira RFEF e daralle cobertura ao Reus-U. D. Ourense, na ida da semifinal de ascenso. No polideportivo destaca o Celta-Bosonit Unibasquet, de cuartos de final polo ascenso á Liga Feminina de baloncesto. As olívicas xa gañaron na ida por dez puntos e, de acceder á final a catro, terán a vantaxe de campo, tras concederlle a Federación a organización do evento a próxima fin de semana.
O domingo, desde as 12:00 h e ata a medianoite, a atención estará posta nas ligas dependentes da Federación. O Ourense recibe o filial do Celta de Vigo no Couto coa necesidade de gañar para manter a categoría. No Anxo Carro, o Lugo xoga ante o terceiro clasificado, o Zamora, e está obrigado a sumar os tres puntos para seguir mantendo as poucas opcións que ten de entrar na fase de ascenso.
O momento máis emocionante chegará coa última xornada da Terceira Federación, co Arousa-Céltiga e o Viveiro-Compostela. O equipo de Vilagarcía depende de si para regresar á Segunda RFEF e, de sufrir unha picada, o beneficiado sería o Compostela, sempre e cando gañe en Cantarrana. A Radio Galega e AGalegaAudio.gal retransmitirán tamén o partido de ida do playoff de ascenso á Primera RFEF entre o Coruxo F. C. e o Atlético Baleares. Os vigueses, quintos do Grupo 1 con 52 puntos, reciben no Campo do Vao o segundo clasificado do Grupo 3 mallorquino, un dos favoritos ao ascenso, con 66 puntos e 19 vitorias.
O baloncesto tamén estará presente, coa cita da Liga ACB entre o Real Madrid e Breogán de Lugo. Os dous equipos teñen os deberes feitos na competición regular, porque os brancos van ser os campións e os galegos xa teñen garantida a continuidade unha temporada máis na elite. O equipo de Luis Casimiro pode sacar proveito do cansazo do rival pola semana europea nos cuartos de final da Euroliga.
A partir das 21:00 h, o equipo deportivo da Radio Galega contará ao seu estilo o clásico do fútbol español entre o Barcelona e o Real Madrid. No caso de que o partido remate con vitoria local ou empate, o cadro azulgrá repetirá como campión da Primeira División.