div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Este domingo a TVG retransmite os partidos Europa-Celta e Deportivo-As Palmas

Desde as catro da tarde, programación especial na primeira canle da Galega

csag.gal 29/05/2026 15:55

Santiago, 29.5.2026.-   O Deportivo da Coruña celebra este domingo ante a sua afección o ascenso á Primeira División do fútbol español, categoría á que regresa oito anos despois. A Televisión de Galicia retransmitirá pola primeira canle o último partido na Segunda División, recibindo en Riazor á Unión Deportiva As Palmas.

Nun estadio que estará cheo con trinta mil seareiros nas bancadas, os branco e azuis saltarán ao céspede co encargo que lle facía o presidente Escotet durante os actos de celebración: “Sumar os oitenta puntos porque teño a corazonada que o Rácing vai picar e imos ser campións”. Iso si, para quedar primeiro o Deportivo necesita gañar e que o Rácing de Santander perda no Sardinero ante o Cádiz. Mentres, o As Palmas chega á Coruña coa necesidade de sumar a  vitoria para garantir a praza no playoff e non ter que depender dos resultados dos rivais directos.

A programación especial comezará ás seis da tarde, coa previa máis completa, e tras os noventa minutos de xogo, a TVG dará cobertura as celebracións oficiais coa fan zone nos arredores do estadio e o paseo no autobús convertible ata a fonte de Catro Camiños.

A fase de ascenso do Celta Fortuna, na TVG

A Televisión de Galicia ofrecerá en aberto, a partir das catro da tarde, o partido de ida das semifinais da fase de ascenso a Segunda División, entre o Europa de Barcelona e o Celta Fortuna. A canle autonómica adquiriu todos os partidos que dispute o filial celeste neste playoff

O Celta Fortuna pechou a fase regular da Primeira Federación como segundo clasificado, por detrás do campión, o Tenerife, e por diante de equipos históricos como o Pontevedra, o Lugo e o Rácing de Ferrol. Mentres, o Europa é un dos clubs máis emblemáticos do fútbol catalán, ao ser un dos dez fundadores da Primeira División española en 1929.

O ascenso da U. D. Ourense, na G2 e AGalega.gal

O domingo ás sete da tarde, a G2 e AGalega.gal trasladarán ao deporte galego o desenlace da final de ascenso á Primeira RFEF. A Unión Deportiva Ourense defende na Fuensanta o 1-0 logrado no partido de ida disputado no Couto o pasado domingo. O gol de Santi Prado mantén vivas as opcións do equipo galego, herdeiro do desaparecido C. D. Ourense que chegou a militar na década dos noventa no fútbol profesional.

Fase de ascenso á Segunda RFEF

A plataforma AGalega.gal abre unha ventá o domingo ás doce do mediodía no campo Ponte dos Brozos, onde Atlético Arteixo e Compostela abren a final galega polo ascenso á Segunda RFEF, a penúltima rolda da temporada. Os arteixáns eliminaron tras unha prórroga o Estradense, mentres o equipo da capital de Galicia goleou o Rácing Vilalbés no Vero Boquete tras empatar sen goles na ida.

Comezan as semifinais da liga de hóckey sobre patíns

O Liceo da Coruña inicia este venres as semifinais da liga de hóckey sobre patíns. O venres, ás oito e media da tarde, e o domingo, ás doce do mediodía, a G2 e AGalega.gal ofrecen os dous primeiros partidos dunha eliminatoria que se decide ao mellor de cinco. Tras botar o Lleida con facilidade, o equipo que prepara Juan Copa afronta a penúltima rolda da temporada como favorito, co factor cancha a favor e sobre todo co cansazo do rival, que o martes pola noite lograba o pase eliminando no desempate dos penaltis o Reus.

Mundial MXGP

A G2 e AGalega.gal reservan para o domingo dúas sesións do Mundial MXGP de motocross, que esta fin de semana chega a Alemaña. A primeira manga desenvolverase a partir das dúas da tarde e, ás cinco terá lugar a segunda sesión. A semana pasada en Francia, o piloto vigués Rubén Fernández rematou sétimo e chega a este gran premio na oitava praza da clasificación xeral. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade