A primeira canle da TVG e AGalega.gal retransmiten este sábado o encontro As Palmas-Deportivo desde Gran Canaria - CSAG
A primeira canle da TVG e AGalega.gal retransmiten este sábado o encontro As Palmas-Deportivo desde Gran Canaria
Pola súa parte, a G2 ofrece os derbis Arenteiro-Lugo, de fútbol, e Ourense-Obradoiro, de baloncesto
Ademais, o domingo poderanse ver, en exclusiva a través da plataforma dixital dos medios públicos galegos, os partidos Fabril Deportivo-Coruxo, U. D. Ourense-Salamanca e Bergantiños-Ávila

Santiago, 09.01.2026.- Este sábado, a partir das 18:00 h, a Televisión de Galicia ofrece pola primeira canle un dos partidos máis atractivos do calendario da Segunda División do fútbol profesional español. O Deportivo da Coruña, que suma xa catro xornadas consecutivas sen gañar, visita o segundo clasificado, a Unión Deportiva As Palmas. Os dous equipos son serios candidatos ao ascenso directo á Primeira División, aínda que na actualidade son os canarios os que están obtendo mellores resultados. Este encontro poderase seguir tamén a través da plataforma AGalega.gal.
O Deportivo pechou 2025 con tres derrotas consecutivas e no arranque de 2026 só puido empatar ante o Cádiz en Riazor, polo que na actualidade está quinto na clasificación, con 33 puntos. Mentres, o As Palmas sumou oito dos doce últimos puntos disputados, o que lle permite ocupar a segunda praza da clasificación con 37 puntos, a un do líder, o Rácing de Santander.
Óscar Benito encargarase da narración do xogo, acompañado nos comentarios polo adestrador Tito Ramallo e pola ex xogadora Miriam Ríos. Media hora antes de que rode o balón, os espectadores da TVG poderán escoitar as opinións dos dous adestradores, Luís García Fernández e Antonio Hidalgo, xunto á previa máis completa preparada pola redacción de deportes.
O As Palmas-Deportivo é o partido estrela da programación deportiva do sábado, pero a Televisión de Galicia ten reservadas outras retransmisións. Así, a G2 emitirá a partir das 16:15 h o derbi da Primeira RFEF entre o Arenteiro e o Club Deportivo Lugo. Logo, ás 19:00 h, o baloncesto ocupará a grella da segunda canle e de AGalega.gal, coa emisión desde o pavillón Paco Paz do derbi da Primeira Federación entre o Ourense e o Obradoiro. A plataforma dos medios públicos tamén ofrecerá ás 16:00 h o enfrontamento entre o Fabril Deportivo e o Coruxo, na apertura da xornada da Segunda Federación de fútbol.
Xa o domingo, a Segunda RFEF será protagonista no formato multifútbol a través de AGalega.gal desde as 17:00 h. No estadio do Couto, a Unión Deportiva Ourense recibe o Salamanca, mentres que nas Eiroas o Bergantiños enfrontarase ao Ávila.
‘En Xogo’
Cando remate a xornada galega, o histórico programa ‘En Xogo’ chegará contra as 22:25 h ás pantallas da segunda canle da Televisión de Galicia cos resumos dos partidos máis importantes do calendario.
O protagonismo será para o As Palmas-Deportivo, de Segunda División, xunto á previa do encontro programado para a noite do luns na Primeira División no estadio Ramón Sánchez Pizjuán, entre o Sevilla e o Celta. Ademais, terán cabida todos os goles das ligas da Federación e o árbitro Xabier Rodríguez Campos analizará no seu laboratorio as polémicas do VAR.