A picadiscos Sofía Cristo e o actor Fran Nogueira quecen o ambiente en 'Malas pécoras' esta noite - CSAG
A picadiscos Sofía Cristo e o actor Fran Nogueira quecen o ambiente en 'Malas pécoras' esta noite
A filla de Bárbara Rey protagonizará unha batalla musical coa DJ do programa e a matrona Lidia Lestegás falará sobre o corpo da muller nas diferentes etapas

Santiago, 11.12.2025.- Tras converterse en todo un punto de encontro para rir e falar sen tabús, ‘Malas Pécoras’ regresa este xoves cunha entrega chea de ritmo e humor. María Mera e Eva Iglesias presentan un programa que comeza con novas sorprendentes: orgasmos no parto, xoguetes sexuais moi presentes no día a día ou soños eróticos que dan moito que falar.
Os convidados da noite son Sofía Cristo, picadiscos e todo terreo musical, e Fran Nogueira, presentador de ‘Eu sei + ca ti’. O público opina sobre os ‘gymbros’ e confronta as súas preferencias coas estatísticas, mentres os convidados falan de bicarse, do coidado das relacións e das súas situacións sentimentais.
Non faltan as seccións máis queridas do programa, confesións das ‘Malas Pécoras’, onde Fran conta unha anécdota picante que promete risas e, por suposto, o Test das Pécoras, en que desvelan a súa primeira vez e quen lles parece un bo fochicador ou fochicadora.
A música toma protagonismo coa esperada Batalla de DJ’s, en que Sofía Cristo se enfronta á Señora DJ, creando o mellor ambiente segundo as ituacións máis tolas propostas por Eva Iglesias.
A entrevista experta chega da man de Lidia Lestegás (@lidialestegas), matrona que fala do acompañamento ás mulleres no embarazo, parto, menopausa e sexualidade. Derruba mitos, ofrece consellos de coidado e responde dúbidas reais de espectadores sobre visitas aos acabados de nacer, bicos a bebés ou a importancia de non vivir o embarazo en soidade.
