div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A G2 retransmite este domingo a primeira proba da Liga ACT, en que participan as embarcacións galegas de Ares e Chapela

O sábado por AGalega.gal, homenaxe ao histórico Doro, do fútbol da Costa da Morte, coa participación das lendas do Real Madrid

csag.gal 26/06/2026 15:30

Santiago, 26.6.2026.-   A fin de semana trae á programación deportiva da segunda canle da Televisión de Galicia e á plataforma AGalega.gal tres retransmisións de plena actualidade e identidade galega: unha homenaxe ao histórico Doro, do fútbol da Costa da Morte, o comezo da Liga ACT de traiñeiras e as dúas mangas do Gran Premio de Portugal de motocrós.

O campo da Fontenla, en Santa Comba, acolle este sábado un acto irrepetible para o fútbol galego. Os veteranos do Xallas e as Lendas do Real Madrid enfróntanse nun partido que é, ante todo, unha homenaxe a Sergio Prego ‘Doro’, un dos grandes referentes do fútbol da Costa da Morte. O exgardameta do Real Madrid Paco Buyo cualificou de "extraordinario" o recoñecemento para quen foi un exemplo dentro e fóra do campo e que tanto fixo polo fútbol da comarca. O propio Doro recibiu a noticia coma "unha sorpresa auténtica e tamén unha dose de emoción tremenda" e confesou que lle fai "unha grandísima ilusión". A emisión chegará de xeito exclusivo a partir das seis da tarde a través da plataforma AGalega.gal.

Xa o domingo principia a temporada 2026 da Liga ACT de traiñeiras e faino nun escenario insólito: o encoro de Riosequillo, en Buitrago del Lozoya, a máis de 1.000 metros de altitude na Comunidade de Madrid, nunha regata en formato contra o reloxo por parellas con seis longos e cinco ceavogas na categoría masculina. Por primeira vez na historia, as mellores traiñeiras do mundo competirán na capital de España, entre elas, dúas galegas con historias ben distintas. Chapela debuta este ano na Liga ACT tras ascender a temporada pasada, sendo campioa da Liga Galega e do Campionato Galego de Traiñeiras e mantén en esencia o bloque da pasada temporada baixo as ordes do experimentado adestrador Juan Zunzunegui. Ares, pola súa banda, afronta a súa sexta participación con oito cambios tras acadar a permanencia a temporada pasada. A G2 e AGalega.gal ofrecerán a retransmisión en directo desde as 11:10 horas.

Pola tarde, Portugal acolle a décima proba do Campionato do Mundo de Motocrós MXGP, nunha cita moi especial para o piloto vigués Rubén Fernández. O propio Fernández ten declarado que a proba lusa é unha das súas carreiras favoritas e que o circuíto de Águeda é como a súa casa. A cita chega nun momento delicado para o galego xa que no Gran Premio de Italia, en Montevarchi, sufriu unha forte caída durante as cronos do sábado que condicionou todo a fin de semana. Malia a dor intensa nunha man optou por competir, acadando o décimo terceiro posto e quedar sétimo na clasificación xeral. Os espectadores poderán gozar das dúas mangas ás tres e ás seis da tarde a través da G2 e de AGalega.gal.

Deportes nos telexornais

A primeira canle da TVG dedica durante a fin de semana unha ampla cobertura ao mundo deporte durante os telexornais. O sábado os espectadores poderán ver os resumos do Mundial: España-Uruguai, Cabo Verde-Arabia Saudita, Exipto-Irán e Nova Zelandia-Bélxica. Xa o domingo, a atención estará posta neste calendario: Panamá-Inglaterra, Croacia-Ghana, Colombia-Portugal, Congo-Uzbequistán e Alxeria-Austria. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade