A G2 e AGalega.gal retransmiten o mércores o decisivo Baxi-Avenida - CSAG
A G2 e AGalega.gal retransmiten o mércores o decisivo Baxi-Avenida
O equipo de Ferrol necesita gañar por 19 puntos para continuar na Eurocup Women de baloncesto

Santiago, 19.1.2025.- Este mércores o Baxi Ferrol regresa ao pavillón da Malata coa mira posta nun dos retos máis importantes da temporada, o de dar a volta á eliminatoria de oitavos de final da Eurocup Women de baloncesto fronte ao Perfumerías Avenida e alcanzar os cuartos de final desta competición continental. A segunda canle da Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal contarán o partido desde as oito e cuarto do serán, coa narración de Patricia Rodríguez Juste e a análise de Edgar Paz.
Logo do partido de ida disputado en Salamanca, o equipo ferrolán sabe que a tarefa non vai ser fácil, tras perder por dezaoito puntos: 86-58. Minutos despois do remate, o adestrador Lino López amosouse crítico e pesimista pero días despois o colectivo recuperou o optimismo e apela a unha actuación sólida reforzada co apoio do seu público para intentar a remontada.
O Baxi chega a este duelo despois de caer na xornada dominical da Liga na casa ante o Jairis por 50-64. Pola súa banda, o Perfumerías Avenida chega a Ferrol tamén tras perder ante o Casademont Zaragoza por 63-76. Os dous resultados evidencian as dificultades das dúas escuadras para competir a tope cada tres días, compaxinando as competicións nacionais e europeas.
Ambos conxuntos teñen motivos e presións distintas. O Avenida precisa fortalecer o seu bloque e recuperar moral de cara á Copa da Raíña e os compromisos posteriores da Liga, mentres que o Baxi Ferrol pode aproveitar o impulso da súa afección e a motivación de xogar no seu pavillón para escribir unha nova páxina na historia do club na Eurocup Women.
Unha das chaves para o desenlace da eliminatoria é o ambiente que se vai crear no pavillón, con máis de tres mil persoas nas bancadas. Aí poder estar unha das diferenzas, pero non será a única. No aspecto deportivo, o equipo galego necesitará solidez atrás e maior acerto ofensivo desde o perímetro. Tamén pode ser determinante o estado anímico do rival, xa que semella non estar no mellor momento logo da derrota ligueira ante o Zaragoza.
A cidade de Ferrol volverá estar presente durante a fin de semana nas retransmisións deportivas da Televisión de Galicia. Así, a segunda canle emitirá o sábado a partir da catro e cuarto da tarde o derbi da Primeira RFEF desde o estadio da Malata entre o Rácing de Ferrol e o Arenteiro. A continuación chegará o desenlace dos oitavos de final da European Cup de balonmán feminino entre o Erice de Italia e o Guardés. O cadro galego viaxa coa renda de tres goles obtida tras gañar o encontro de ida xogado no pavillón da Sangriña.