div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A G2 e AGalega.gal retransmiten o mércores e o xoves a primeira xornada da Eurocup de baloncesto feminino para os representantes galegos

O mércores, ás 19:00 h, ofrecerase o Olympiacos-Baxi Ferrol, e o xoves, ás 20:00 h, Montpellier-Ensino Lugo

csag.gal 13/10/2026 16:00

Santiago, 13.10.2026.-    A semana deportiva comeza na Televisión de Galicia con dous partidos con presenza de equipos na mesma competición europea: a Eurocup feminina. Os espectadores poderán seguir o mércores, ás 19:00 h desde Grecia, e o xoves, 20:00 h desde Francia, o inicio do camiño para o Baxi Ferrol e para o Ensino Lugo. As dúas emisións chegarán a través da G2 e da plataforma AGalega.gal.

O Baxi Ferrol chega á fase final tras superar unha previa. O equipo de Lino López eliminou o Beroe Stara Zagora e meteuse así, outro ano máis, no cadro principal da competición, en que xa chegou á final en 2025. No Grupo D agárdao este mércores o Olympiacos e, nas próximas xornadas, o turco CIMSA Mersin e o polaco Sleza Wroclaw.

Na Liga Feminina Endesa, o Baxi leva dúas vitorias e unha derrota en tres xornadas e é oitavo con cinco puntos. Estreouse na Malata gañándolle ao Araski, caeu en Murcia (74-61) ante o Jairis e a pasada fin de semana remontou ao Estepona (84-72) cunha actuación histórica de Maggie Doogan: 38 puntos, a maior anotación nun partido na historia do club.

O rival deste mércores é o Olympiacos, un dos grandes do baloncesto feminino grego. O club do Pireo conta con nove ligas, seis copas e a Supercopa de 2025, e xogará o partido no pavillón municipal de Moschato. Comezou a competición doméstica con dous triunfos en dúas citas, 101-67 ao Panserraikos e 60-68 na pista do Amyntas. O seu equipo combina internacionais gregas como Eleanna Christinaki, a máxima anotadora do equipo ata o momento con 28 puntos, coa presenza interior da camerunesa Dulcy Fankam, a española Lola Pendande, a francesa Yohana Ewodo e as estadounidenses Morgan Maly e Kyra Lambert.

O xoves, o escenario é Francia. O Durán Maquinaria Ensino visita o Basket Lattes Montpellier no seu debut no Grupo J, en que tamén están o polaco Gorzów e o grego Panserraikos, o mesmo equipo ao que o Olympiacos lle gañou de malleira na estrea ligueira. O conxunto lucense, cun cadro moi renovado, comezou a Liga Feminina con dúas derrotas, pero atopou o primeiro alivio o domingo ao impoñerse ao Araski por 76-63 no Pazo dos Deportes, cos 21 puntos de Matilda Ekh. Con este triunfo sae dos postos de abaixo e é décimo segundo, con catro puntos.

Tampouco será un adversario doado o Montpellier. O club de Lattes, que xoga no Palais des Sports, é un clásico do baloncesto feminino francés: gañou a liga en 2014 e 2016, foi finalista da Eurocup no 2018-19 e a pasada temporada chegou ás semifinais da competición, ademais de rematar quinto na Ligue Féminine. Esta campaña comezou a Wonderligue con catro vitorias en catro xornadas, a última delas por 62-61 ante o Villeneuve d’Ascq o pasado sábado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade